18 de abr. de 2020

Ata a vitoria, sempre!

Ata a vitoria, sempre!

Son tempos difíciles os que nos toca vivir, como nunca imaxinamos, pero estamos a vencer. A determinación e a coraxe que estamos a demostrar fainos invencibles. Son momentos como estes cando mellor se expresa a forza dun pobo. Son tempo como estes cando nos sentimos máis orgullosos da nosa xente e da nosa terra.
Grazas a todos os heroes anónimos que expoñéndose a un inimigo invisible están a dar o mellor de si mesmos para que todos teñamos un horizonte ao que mirar, grazas aos sanitarios, aos coidadores, grazas a eses invisibles, a eses últimos da fila que nos limpan, aos que producen os alimentos que comemos, grazas aos educadores nunca suficientemente recoñecidos, grazas a Protección Civil porque están cando se lles necesita e cando non, grazas aos traballadores municipais que dan por riba do esixible, grazas ao goberno municipal porque remamos na mesma dirección, grazas a ti que ficas na casa.
Queda moita dor por chegar, porque despois do bicho vén a crise económica que nos volverá a poñer a proba. Pero xa sabemos que xuntos somos invencibles. Agora é o momento de redobrar esforzos, de non relaxarnos e de manter as medidas de distanciamento social.
E cando todo isto pase, non esquezamos quen estivo cando se lle necesitaba, apoiemos o comercio local e a economía produtiva e de proximidade. Desta vez non deixemos ninguén atrás.
Ánimo! Xa se avista a vitoria e teremos moito que celebrar.