27 de mar. de 2021

Resume do pleno do venres 26 de marzo de 2021

  • O único punto importante da orde do día era a aprobación dos Orzamentos de 2021. Aínda tendo maioría absoluta o PP tardou 3 meses en aprobar o orzamento, unha falta de rigor e de traballo evidente. Aprobado cos votos do PP. En contra BNG e VUP. NINGUNHA partida para axudar a autónomos e hostalería, nin sequera unha rebaixa de taxas para os negocios pechados durante a pandemia, pero unha partida totalmente nova titulada “Publicidade e Propaganda” de 9800 euros. Este ano non hai nin un céntimo de investimento para a parroquia de Briallos.
  • Aprobouse un convenio coa Deputación para a retirada de vehículos abandonados. Unanimidade.
  • Aprobouse o II Plan de Igualdade do concello. Un documento que custou 4500 euros que planifica accións de igualdade durante os próximos anos. Un documento que esperemos non acabe nalgún caixón como é habitual no concello. Votos a favor de BNG e PP. Abstención de VUP.
  • En “rogos e preguntas” interesámonos polo contrato a dedo do novo “servizo de prensa” que corresponde coa partida do orzamento de “Publicidade e Propaganda”. A empresa contratada é “Viravolta Comunicación SL”, administrada polo candidato do PP en 2019 en Ponte Caldelas, e que curiosamente traballa tamén para os concellos gobernados polo PP na zona. O material producido pola empresa publícase en primeira persoa no perfil privado do alcalde en Facebook sen publicarse na páxina do concello (“Acabamos de rematar...”, “Cando estamos a piques...”, “Esta mañá recibimos...”, “Esta mañá achegueime...”, “Conseguimos a Q de Calidade...”, “Poñemos en marcha...”, “Felicitamos a...”, “Ampliamos a nosa oferta...”, ...). Despotismo sen complexos. Un desvergonzado e ilegal uso de cartos públicos en beneficio particular.
  • Dado o interese dunha empresa en instalar unha pirotecnia no alto do monte entre Lantaño e Romai, preguntamos se se está tramitando algunha solicitude de licenza no concello. O alcalde respondeu que se reciben moitas solicitudes de obra e que non sabía se había algo dunha pirotecnia. Non sabe ou non quere responder?
  • Preguntando polas novas pistas de pádel (que aínda non saben como van xestionar), o alcalde informou que van a gastar outros 27.500€ para cubrir unha das pistas con placas fotovoltaicas. Din que non hai cartos para un novo patio cuberto que fai falta no colexio, pero si para cubrir unha pista de pádel. Seguimos sen saber nada da pista multideportiva proposta para Briallos polo BNG e aprobada en 2015 por unanimidade.
  • En xullo de 2020 aprobouse por unanimidade unha moción do BNG para limpar e recuperar a fonte e lavadoiro de Paraíso. Oito meses despois o alcalde di que aínda non tiveron tempo de ir a desbrozar. As mentiras non tapan a falla de interese en conservar o patrimonio.
  • E para rematar, a guinda! Preguntamos cal foi o destino do céspede artificial retirado do campo da Rapeira. O alcalde dixo que unha parte foi para o colexio, outra parte para a pista dos cabalos de Romai e outra para varios veciños... Preguntamos entón cal foi o criterio para repartir o céspede entre os veciños porque seguro que moitos outros tamén poderían estar interesados, e Ricardo contestou que se lle dou aos que foron pola obra a pedir. A continuación preguntamos directamente se Ricardo Martínez estaba entre os veciños que se levaran céspede para a súa casa, a contestación foi: “Si”.

23 de mar. de 2021

Pleno Ordinario

O venres 26 de marzo de 2021 ás 21:00 h. celebrarase un pleno ordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión anterior ordinaria nº1 de data 29-01-2021.
  2. Expediente 80/2021. Convenio de colaboración Deputación de Pontevedra e Portas para prestación do servizo de retirada de vehículos ao final da súa vida útil ou fóra de servizo.
  3. Expediente 154/2021. Elaboración e Aprobación do Orzamento 2021.
  4. Expediente 165/2021. Ratificación da aprobación do II Plan de Igualdade do Concello de Portas.
  5. Dación de contas Decretos de Alcaldía dende 26-01-2021 ao 23-03-2021.
  6. Período Medio de Pago 4º Trimestre 2021.
  7. Rogos e preguntas.


18 de mar. de 2021

Convocatoria Comisión Especial de Contas

O luns 22 de marzo de 2021 ás 21:15 h. celebrarase unha reunión da Comisión Especial de Contas na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión anterior de data 24-07-2020.
  2. Exp 154/2021 Orzamento 2021.
  3. Rogos e preguntas.


Convocatoria Comisión de Urbanismo, Obras, Servizos, Vivenda, Solo e Medio Ambiente

O luns 22 de marzo de 2021 ás 21:00 h. celebrarase unha reunión da Comisión de Urbanismo, Obras, Servizos, Vivenda, Solo e Medio Ambiente na Casa do Concello coa seguinte orde do día:
  1. Aprobación da acta da sesión anterior de data 22-01-2021.
  2. Expediente 80/2021. Convenio de colaboración Deputación de Pontevedra e Portas para prestación do servizo de retirada de vehículos ao final da súa vida útil ou fóra de servizo.
  3. Rogos e preguntas.