28 de dec. de 2011

A causa contra o alcalde de Portas por un suposto delito tributario enfila a súa recta final

La Voz de Galicia, 28 de decembro de 2011

O proceso xudicial aberto contra Roberto Vázquez Souto, alcalde de Portas, pola suposta comisión de senllos delitos de falsidade en documento mercantil e contra a Facenda Pública entrou na súa recta final. Así o confirmou onte o fiscal de delitos económicos de Pontevedra, Augusto Santaló, quen precisou que o representante legal do rexedor interpuxo un recurso contra o procedemento, que espera que sexa resolto en breve polos xuíces.
Liquidado este trámite, o normal é que o caso chegue a algún dos xulgados do Penal da capital e sinálese unha data para a celebración do xuízo. Neste punto, as fontes consultadas apuntaron que, "de cumprirse todos os prazos, o normal é que a vista se celebre nos seis primeiros meses do 2021".
Penas solicitadas
En principio, a Fiscalía ten intención de solicitar dous anos de cárcere e multa de 5.400 euros polo primeiro dos cargos, así como igual período de estancia en prisión e o pago dunha sanción de trescentos mil euros polo segundo. Ademais, ínstase á Xustiza a que prohiba ao alcalde "obter subvencións ou axudas públicas e do dereito a gozar dos beneficios ou incentivos da Seguridade Social durante cinco anos".
En canto á responsabilidade civil, Santaló mantén que o rexedor de Portas debe indemnizar ao Estado con 151.432 euros máis os intereses legais xerados, diñeiro que se corresponde "coa cantidade defraudada".
O fiscal sostén que Roberto Vázquez é dende o 2005 único socio e administrador dunha sociedade cuxo obxecto é a "promoción inmobiliaria de vivendas, construción completa, reparación e conservación". Deste xeito, a declaración-liquidación do imposto de sociedades correspondente a ese exercicio "non obedecía ás reais operacións da mesma, pois (...) os gastos foron incrementados de forma inxustificada.

27 de dec. de 2011

Pleno ordinario


O venres 30 de decembro ás 14:50 h. celebrarase un pleno ordinario na casa do Concello coa seguinte orde do día:

1. Aprobación acta sesión anterior.
2. Coñecemento resolucións da Alcaldía.
3. Rogos e preguntas.

26 de dec. de 2011

Moción do grupo municipal do BNG sobre o servizo da "Fundación Preescolar na Casa"


O BNG de Portas ven de presentar no rexistro do Concello a seguinte moción para que se trate no vindeiro pleno:

Moción do grupo municipal do BNG sobre o servizo da "Fundación Preescolar na Casa"

Conforme ao previsto no Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego do Concello de Portas desexa someter á consideración do Pleno a seguinte MOCIÓN, en base a seguinte

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

“Preescolar na Casa”, programa de educación con trinta e catro anos de historia e do que moitas familias deste concello se beneficiaron, está en serio perigo. Os cartos públicos aportados pola Administración autonómica vense diminuídos ata o extremo de que compromete a súa continuidade.
Este programa está vivo porque medra día a día coa aportación dos nenos, familias e profesionais. Cántase, xógase e apréndense recursos propios da vida. Permite gozar da crianza dos fillos ao mesmo tempo que se educan. Sempre se fala da importancia da familia e da educación, mesmo os políticos poñen especial énfase cando a vinculan ao éxito das persoas a ao futuro das sociedades.
Non se pode mutilar un proxecto que acada todos os obxectivos marcados, que aposta pola cultura propia e polo noso idioma.
Preescolar na Casa é un programa vertebrador porque leva presenza e vida ao rural, en grave perigo demográfico, e potencia o desenvolvemento das comunidades locais.
Acadou facilmente a socialibilidade de nenos moi pequenos. Tamén acadou vínculos e boa harmonía entre as distintas familias participantes no proxecto. É un proxecto de unión e conciliación. Une ás propias familias. Elas son as que sustentan as vidas dos fillos.
Neste Concello de Portas moitas nais e pais participando en “Preescolar na Casa” aprenderon a implicarse máis nas vidas dos fillos, dándolles a seguridade que todo ser humano necesita para medrar e enriquecerse como persoa. Non queremos que se produza a morte lenta dun programa que preserva os valores básicos da vida, da sociedade e da nosa terra.

Polo exposto, o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego somete á consideración do Pleno esta MOCIÓN, para que este adopte o seguinte

ACORDO:

Instar á Xunta de Galicia: A manter as axudas a este servicio, para salvagardar a súa continuidade, cando menos, no nivel actual.

21 de dec. de 2011

Pleno Extraordinario


O venres 23 de decembro ás 14:50 h. celebrarase un pleno extraordinario na casa do Concello coa seguinte orde do día:

1. Aprobación acta sesión anterior.
2. Proxecto de rehabilitación do pavillón de deportes de Romai (Portas).
3. Expediente de obra de urbanización en Castro e San Roque, Briallos (Portas). Clave OH536950.
4. Reclamación presentada por don Francisco Feixó Oubiña en representación das veciñas e veciños de Portas contra a aprobación das ordenanzas fiscais reguladoras das taxas e impostos municipais aprobadas no pleno do 7 de outubro de 2011.
5. Alegación contra a aprobación da ordenanza fiscal reguladora da taxa para prestación do servizo de abastecemento de auga presentada polo BNG de Portas.
6. Alegación contra a aprobación da ordenanza fiscal reguladora da taxa do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos, tratamento e eliminación dos mesmos presentada polo BNG de Portas.
7. Alegación contra a aprobación da ordenanza fiscal reguladora da taxa de sumidoiros presentada polo BNG de Portas.
8. Alegación contra a aprobación da ordenanza fiscal reguladora do imposto de vehículos de tracción mecánica presentada polo BNG de Portas.
9. Alegación contra a aprobación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por apertura de establecementos presentada polo BNG de Portas.
10. Alegación contra a aprobación da ordenanza fiscal reguladora da taxa de utilización das instalacións deportivas municipais presentada polo BNG de Portas.
11. Alegación contra a aprobación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por licenzas e servizos urbanísticos presentada polo BNG de Portas.
12. Aprobación definitiva da modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa de expedición de documentos administrativos.

13 de dec. de 2011

Convocatoria da asemblea local de Portas


O sábado 17 de decembro ás 20:00 h. celebrarase unha asemblea no local da antiga cámara agraria en Portas.
Trataranse os seguintes temas:
- lotaría do nadal,
- reparto boletín informativo,
- suba de taxas e impostos,
- varios.
Rógase asistencia e puntualidade.

Novo boletín informativo - Decembro 2011

O BNG de Portas edita un novo boletín informativo (Nº 8 # 2ª etapa # Decembro de 2011), que comezará a repartirse polas casas de Portas nos próximos días.

Os temas tratados son:

- Suba de taxas e impostos,
- Cortes de luz nas instalacións municipais por impago,
- Declarada a Alerta 1 na captación de Rabuñade,
- Ataques de cans abandonados,
- Orzamento municipal 2011.
Podes descargar o boletín en PDF dende aquí.

O BNG de Portas aproveita a ocasión para desexarlles un bo nadal e un feliz ano 2012.