23 de nov. de 2021

Pleno Ordinario

O venres 26 de novembro de 2021 ás 21:00 h. celebrarase un pleno ordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Expediente 796/2021. Aprobación da acta da sesión anterior extraordinaria nº7 de data 14-10-2021.
  2. Expediente 797/2021. Aprobación da acta da sesión ordinaria nº6 de data 24-09-2021.
  3. Expediente 798/2021. Toma de posesión Concelleiro D. Adrián Novás Blanco.
  4. Expediente 466/2021. Aprobación proxecto técnico Campo de fútbol de Romai.
  5. Dación de contas Decretos de Alcaldía dende o 21-09-2021 ao 23-11-2021.
  6. Dación de contas Periodo Medio de Pago 3º Trimestre 2021.
  7. Dación de contas solicitude e concesión Reinvestimento Plan Concellos 2020.
  8. Rogos e preguntas.


16 de nov. de 2021

Convocatoria ordinaria Comisión de Urbanismo, Obras, Servizos, Vivenda, Solo e Medio Ambiente

O venres 19 de novembro de 2021 ás 21:00 h. celebrarase unha reunión da Comisión de Urbanismo (...) na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Expediente 770/2021. Aprobación da acta da sesión anterior ordinaria de data 22/03/2021.
  2. Expediente 466/2021. Aprobación proxecto técnico Campo de fútbol de Romai.
  3. Rogos e preguntas.


11 de out. de 2021

Pleno Extraordinario

O xoves 14 de outubro de 2021 ás 21:00 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Expediente 657/2021 Suplemento de crédito. Modificación orzamentaria nº29/2021 destino á cancelación anticipada da débeda do Banco Santander, préstamo: 0049 5368 02 1230627530.


21 de set. de 2021

Pleno Ordinario

 O venres 24 de setembro de 2021 ás 21:00 celebrarase un pleno ordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión anterior nº5 extraordinaria e urxente de data 31-08-2021.
  2. Expediente 652/2021. Aprobación de Acta de sesión nº4 ordinaria de data 30-07-2021.
  3. Expediente 591/2021. Cese no cargo de Concelleiro de D. Ramón Abuín Rey.
  4. Expediente 535/2021. Contratación de servizo de axuda no fogar.
  5. Expediente 635/2021. Delegación de competencias do Pleno na Alcaldía.
  6. Expediente 636/2021. Designación festivos locais 2022.
  7. Dación de contas Decretos de Alcaldía dende o 27-07-2021 ao 21-09-2021.
  8. Dación de contas concesión Plan Concellos 2021 Liña 1.
  9. Rogos e preguntas.


14 de set. de 2021

Convocatoria Comisión de Cultura, Deporte, Educación, Turismo, Igualdade, Benestar Social, Emprego e Xuventude

O venres 17 de setembro de 2021 ás 212:00 h. celebrarase unha reunión da Comisión de Cultura (...) na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión anterior de data 23-10-2020.
  2. Expediente 535/2021. Contratación de Servizo de Axuda no Fogar.
  3. Expediente 635/2021. Delegación de competencias do Pleno na Alcaldía.
  4. Expediente 636/2021. Designación de Festivos Locais 2022.
  5. Rogos e preguntas.


8 de set. de 2021

30 de ago. de 2021

Pleno Extraordinario Urxente

O martes 31 de agosto de 2021 ás 10:00 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:
  1. Expediente 601/2021. Ratificación urxencia da Convocatoria.
  2. Expediente 602/2021. Rexeitamento o peche da oficina de ABANCA.

 

Concentración urxente convocada polo BNG contra o peche da oficina de Portas

💥💥💥 NON AO PECHE da oficina de ABANCA en Portas 💥💥💥
📌 Cada galego tivo que poñer do seu peto 3.000 euros para rescatar ABANCA, logo o PP regaloulla a prezo de saldo aos amigotes e agora quedamos sen banco, sen cartos e sen oficinas no rural.
📌 Para máis o PP de Feixóo segue agasallando a Escotet cunha universidade privada e subvencionando caixeiros automáticos para que pechen máis oficinas.
📌 Banca pública galega XA!!!




 

Concentración urxente convocada polo BNG contra o peche da oficina de Abanca

💥💥💥 Hoxe ás 20:30 h na Rapeira: Concentración contra o peche da oficina de Abanca de Portas 💥💥💥
📌 Comezaron arruinando as Caixas galegas.
📌 Continuaron cunha nefasta fusión.
📌 Logo tiveron que rescatar o banco resultante con 9000 millóns PÚBLICOS.
📌 Remataron privatizando Abanca e regalándolla a prezo de saldo aos seus amigotes.
📌 Abanca con multimillonarios beneficios todos os anos, recorta persoal, reduce horarios, impón comisións abusivas e pecha oficinas. Mentres a Xunta premia a este banco privado cunha Universidade Privada ou 2,8 millóns para sustituír oficinas por caixeiros automáticos.
📌 A xestión do PP de Feixóo é unha ruína para rural galego.
POLO FUTURO DE PORTAS, ACUDE HOXE Á CONCENTRACIÓN CONTRA O PECHE DA OFICINA DE ABANCA EN PORTAS.


26 de ago. de 2021

27 de xul. de 2021

Pleno Ordinario

O venres 30 de xullo de 2021 ás 21:00 h. celebrarase un pleno ordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Expediente 526/2021. Aprobación da acta da sesión anterior nº 3 ordinaria do Pleno de 28-05-2021.
  2. Expediente 303/2021. Aprobación Conta Xeral 2020.
  3. Dación de contas Decretos de Alcaldía dende o 25-05-2021 ao 27-07-2021.
  4. Dación de contas Periodo Medio de Pago 2º Trimestre 2021.
  5. Rogos e preguntas.
Outro pleno baleiro de contido por obra e gracia do grupo de goberno!


1 de xuño de 2021

Resume do pleno do venres 28 de maio

  • Aínda que había 10 puntos na orde do día, ningún era para decidir algo. Outro pleno que duraría 5 minutos se o BNG non preguntase en rogos e preguntas.
  • Preguntamos por que o BNG non foi invitado ao acto institucional de sinatura do PXOM. O alcalde dixo que foi por cuestións de aforo, pero cando se lle pregunta por que foron invitados cinco concelleiros do PP e ningún da oposición, o alcalde mentiu dicindo que Chus, Ana e Alfonso non asistiran ao acto no salón de plenos. As fotos que Ricardo publicou no seu perfil privado de Facebook desmínteno.
  • Preguntamos insistentemente por que o PP se negou a reunirse co BNG para falar do PXOM durante 12 anos e medio (e prohibindo reunirnos co equipo redactor), para corrixir os graves erros do PXOM. Non responderon pero Alfonso, tenente de alcalde, responsabilizou aos veciños dos erros, porque tiveran ocasión de alegar en 2013 e que non o fixeran. Por que non se corrixiron os erros que no BNG levamos anos denunciando??? Non responden.
  • Preguntamos por que notas de prensa do “servizo de prensa” (cobra 817€ ao mes sen contrato) se publican en Facebook no perfil privado “Ricardo Martínez Chantada” e non no Facebook do “Concello de Portas”. Non houbo resposta.
  • Respecto da herba artificial retirada da Rapeira que o alcalde se levou para a súa casa, Ricardo dou ata tres versións diferentes, primeiro que non se levou nada, logo que a herba que se levou para a casa foi comprada por “Cabaleiros” doutro campo, e finalmente que si que se levou pero pouca. Dicir unha cousa e a contraria, mentindo sen complexos.
  • A unha das novas pistas de pádel van a poñerlle unha cuberta. As pistas custaron 46.971,82€ e a cuberta dunha soa vai a custar 67.476,39€, é dicir, un total de 114.448,21€. Sen contar os 44.660,64€ que custou hai 10 anos facer a pista de tenis que agora ocupan as pistas de pádel. Mentres segue sen cumprirse o acordo plenario de 2015 para facer unha pequena pista multideportiva en Briallos ou segue sen construírse un necesario novo patio cuberto no colexio.
  • A arquitecta municipal pasa a estar contratada polo concello como laboral indefinida por sentenza xudicial que declara “fraudulenta” a relación que mantiña co concello. O primeiro contrato da arquitecta no concello por 6 meses é de 20 de decembro de 2013. Este contrato prorrogáronllo dúas veces. Xa con Víctor Estévez de alcalde, e Ricardo de tenente de alcalde, a arquitecta estivo meses sen contrato, pero cobrando mensualmente, incluso as vacacións, pasando logo por varios contratos máis de “servizos”. Ricardo di que el non ten ningunha responsabilidade. En 2018 outros 5 traballadores do concello foron transformados en indefinidos (traballadora social, secretaria do xulgado de paz, limpadora, fontaneiro, auxiliar administrativa) por requirimento da Inspección de Traballo e Seguridade Social ante as graves irregularidades existentes. No concello de Portas só hai un funcionario que accedese por oposición e é anterior á chegada do PP á alcaldía hai 29 anos. Contesta o alcalde que o van a ir corrixindo segundo se poida...
  • Para a Festa da Dona improvisaron un concerto que custou 18.029€ (14.900+IVE, casualmente o máximo para tramitar como “contrato menor”=”a dedo”). Preguntamos se esta vai a ser a política cultural do concello: actividades illadas, carísimas e para un aforo reducidísimo. Non houbo resposta.
  • Preguntamos polo informe de control interno de 2020 emitido pola secretaria municipal. O contido deste informe é demoledor demostrando que o que leva denunciando o BNG durante 30 anos é certo, que o funcionamento interno do concello é un disparate:
    • “Das facturas que se reciben non tiveron, na súa maioría, respaldo contractual ou convencional que se coñeza”.
    • “Os postos desenvolvidos polo persoal laboral realizan funcións reservadas a funcionarios públicos”.
    • “Os únicos procesos selectivos que se veñen repetindo asiduamente, son os de selección de persoal temporal ao amparo dalgunha subvención doutra Administración”.
    • “Realízanse contratos por obra ou servizo que se reiteran cada ano”.
    • “Falta de contratos administrativos que amparen as facturas que se reciben... Cando si existe contrato, insístese na tramitación de contratos menores, evidenciando en moitos casos supostos de fragmentación ilícita en tanto que se pretenden cubrir necesidades estruturais (por exemplo, servizo de prevención de riscos laborais; servizo de mantemento informático; subministro de produtos de limpeza; etc) e reducindo a concorrencia”.
    • “Exceso ao recurso ao contrato laboral temporal en postos estruturais”.
    • “Carencia de persoal con formación axeitada en réxime local nos distintos servizos derivado, probablemente, dos procesos selectivos”.
    • “Falta de transparencia cara o exterior, incluída a relativa ás ordenanzas e normativa regulamentaria en vigor, así como todas as obrigas en materia de transparencia que dispón a normativa vixente”.
    • Carencia de: rexistro de persoal, inventario de bens, rexistro de contratos, rexistro de convenios, rexistro de subvencións (recibidas e concedidas), rexistro de expedientes económicos, relación de facturas, relación de fianzas e depósitos, relación de ordenanzas e regulamentos, ...
    • Outros servizos prestados por empresas no concello sen contrato: servizo de prensa, asesoría laboral (a que fai as nóminas), subministro de carburantes, ferreiro, ...
  • Ricardo, que leva 6 anos no goberno, non se responsabiliza de nada deste disparate de xestión e Alfonso, tenente de alcalde, di que é herdanza recibida... Herdanza do seu propio partido que leva 29 anos gobernando ininterrumpidamente en Portas.

25 de maio de 2021

Pleno Ordinario

O venres 28 de maio de 2021 ás 21:00 h. celebrarase un pleno ordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Expediente 378/2021. Aprobación da acta da sesión anterior nº2 ordinaria do Pleno de 26-03-2021.
  2. Expediente 257/2021. Ratificación do Decreto de Alcaldía de solicitude de axudas en relación o Decreto 99/2012 de 16 de marzo 2012 polo que se regulan os Servizos Sociais e o seu financiamento.
  3. Dación de contas. Decretos de Alcaldía dende 23-03-2021 a 25-05-2021.
  4. Dación de contas. Período Medio de Pago 1º Trimestre 2021.
  5. Dación de contas. Solicitudes e Concesión Plan Concellos 2018-2019 (Anualidade 2019).
  6. Dación de contas. Solicitudes Plan Concellos 2021 Liña 1.
  7. Dación de contas. Liquidación do orzamento 2020.
  8. Dación de contas. Informe de intervención sobre as resolucións adoptadas polo Presidente da Corporación contrarias a reparos no ano 2020.
  9. Dación de contas. Informe resume anual sobre o control interno no ano 2020.
  10. Rogos e preguntas.



18 de maio de 2021

Convocatoria Comisión Especial de Contas

O venres 21 de maio ás 21:00 h. celebrarase unha reunión da Comisión Especial de Contas na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Expediente 354/2021. Aprobación da acta da sesión anterior de data 22-03-2021.
  2. Expediente 303/2021. Conta xeral 2020.
  3. Rogos e preguntas.


No informe de Intervención faise constar algunhas das deficiencias que o BNG leva 30 anos denunciando:

ANALISIS DAS PRINCIPAIS ANOMALÍAS DETECTADAS NOS CIRCUÍTOS DE SUMINISRO
DE INFORMACI ÓN DA CONTA XERAL
- Limitacións á determinación da imaxe fiel : Inexistencia de inventario de bens, rexistro de convenios, Relación de Postos de Traballo etc.
- Subvencións: In existencia de Ordenanza de Subvencións, Plan Estratéxico, rexistro de convenios, etc.
- Contratación administrativa: Inexistencia de Plan anual de contratacións, debilidades en circuítos de gasto.
- Ingresos : Inexistencia Plan de Tesourería.

16 de abr. de 2021

Boletín informativo abril 2021

Algúns titulares do novo Boletín Informativo repartido polas casas de Portas durante o mes de abril:

- O PP deixa a persoas autónomas e hostalería sen axudas nin rebaixa de taxas.

- Continúa o despropósito do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

- O BNG propón melloras para Portas nos orzamentos da Xunta e o PP vota en contra.

- O BNG demanda unha sanidade pública de calidade.

- O alcalde leva para a súa casa e de familiares céspede retirado do campo de fútbol da Rapeira.

- Ana Pontón: "A sociedade galega só consegue avances cando se fai valer".

 Ligazón: aquí.




27 de mar. de 2021

Resume do pleno do venres 26 de marzo de 2021

  • O único punto importante da orde do día era a aprobación dos Orzamentos de 2021. Aínda tendo maioría absoluta o PP tardou 3 meses en aprobar o orzamento, unha falta de rigor e de traballo evidente. Aprobado cos votos do PP. En contra BNG e VUP. NINGUNHA partida para axudar a autónomos e hostalería, nin sequera unha rebaixa de taxas para os negocios pechados durante a pandemia, pero unha partida totalmente nova titulada “Publicidade e Propaganda” de 9800 euros. Este ano non hai nin un céntimo de investimento para a parroquia de Briallos.
  • Aprobouse un convenio coa Deputación para a retirada de vehículos abandonados. Unanimidade.
  • Aprobouse o II Plan de Igualdade do concello. Un documento que custou 4500 euros que planifica accións de igualdade durante os próximos anos. Un documento que esperemos non acabe nalgún caixón como é habitual no concello. Votos a favor de BNG e PP. Abstención de VUP.
  • En “rogos e preguntas” interesámonos polo contrato a dedo do novo “servizo de prensa” que corresponde coa partida do orzamento de “Publicidade e Propaganda”. A empresa contratada é “Viravolta Comunicación SL”, administrada polo candidato do PP en 2019 en Ponte Caldelas, e que curiosamente traballa tamén para os concellos gobernados polo PP na zona. O material producido pola empresa publícase en primeira persoa no perfil privado do alcalde en Facebook sen publicarse na páxina do concello (“Acabamos de rematar...”, “Cando estamos a piques...”, “Esta mañá recibimos...”, “Esta mañá achegueime...”, “Conseguimos a Q de Calidade...”, “Poñemos en marcha...”, “Felicitamos a...”, “Ampliamos a nosa oferta...”, ...). Despotismo sen complexos. Un desvergonzado e ilegal uso de cartos públicos en beneficio particular.
  • Dado o interese dunha empresa en instalar unha pirotecnia no alto do monte entre Lantaño e Romai, preguntamos se se está tramitando algunha solicitude de licenza no concello. O alcalde respondeu que se reciben moitas solicitudes de obra e que non sabía se había algo dunha pirotecnia. Non sabe ou non quere responder?
  • Preguntando polas novas pistas de pádel (que aínda non saben como van xestionar), o alcalde informou que van a gastar outros 27.500€ para cubrir unha das pistas con placas fotovoltaicas. Din que non hai cartos para un novo patio cuberto que fai falta no colexio, pero si para cubrir unha pista de pádel. Seguimos sen saber nada da pista multideportiva proposta para Briallos polo BNG e aprobada en 2015 por unanimidade.
  • En xullo de 2020 aprobouse por unanimidade unha moción do BNG para limpar e recuperar a fonte e lavadoiro de Paraíso. Oito meses despois o alcalde di que aínda non tiveron tempo de ir a desbrozar. As mentiras non tapan a falla de interese en conservar o patrimonio.
  • E para rematar, a guinda! Preguntamos cal foi o destino do céspede artificial retirado do campo da Rapeira. O alcalde dixo que unha parte foi para o colexio, outra parte para a pista dos cabalos de Romai e outra para varios veciños... Preguntamos entón cal foi o criterio para repartir o céspede entre os veciños porque seguro que moitos outros tamén poderían estar interesados, e Ricardo contestou que se lle dou aos que foron pola obra a pedir. A continuación preguntamos directamente se Ricardo Martínez estaba entre os veciños que se levaran céspede para a súa casa, a contestación foi: “Si”.

23 de mar. de 2021

Pleno Ordinario

O venres 26 de marzo de 2021 ás 21:00 h. celebrarase un pleno ordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión anterior ordinaria nº1 de data 29-01-2021.
  2. Expediente 80/2021. Convenio de colaboración Deputación de Pontevedra e Portas para prestación do servizo de retirada de vehículos ao final da súa vida útil ou fóra de servizo.
  3. Expediente 154/2021. Elaboración e Aprobación do Orzamento 2021.
  4. Expediente 165/2021. Ratificación da aprobación do II Plan de Igualdade do Concello de Portas.
  5. Dación de contas Decretos de Alcaldía dende 26-01-2021 ao 23-03-2021.
  6. Período Medio de Pago 4º Trimestre 2021.
  7. Rogos e preguntas.


18 de mar. de 2021

Convocatoria Comisión Especial de Contas

O luns 22 de marzo de 2021 ás 21:15 h. celebrarase unha reunión da Comisión Especial de Contas na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión anterior de data 24-07-2020.
  2. Exp 154/2021 Orzamento 2021.
  3. Rogos e preguntas.


Convocatoria Comisión de Urbanismo, Obras, Servizos, Vivenda, Solo e Medio Ambiente

O luns 22 de marzo de 2021 ás 21:00 h. celebrarase unha reunión da Comisión de Urbanismo, Obras, Servizos, Vivenda, Solo e Medio Ambiente na Casa do Concello coa seguinte orde do día:
  1. Aprobación da acta da sesión anterior de data 22-01-2021.
  2. Expediente 80/2021. Convenio de colaboración Deputación de Pontevedra e Portas para prestación do servizo de retirada de vehículos ao final da súa vida útil ou fóra de servizo.
  3. Rogos e preguntas.


4 de feb. de 2021

Documento do PXOM aprobado provisionalmente o 29 de xaneiro de 2021 (BNG votou en contra)

Aquí tedes o documento que o PP non fai público ocultándolle a desfeita que aprobou, un documento pragado de erros, pero sobre todo moi dañino para o desenvolvemento do concello.

Ligazón directa: https://tinyurl.com/yxn8a35j



30 de xan. de 2021

Resume do pleno do venres 29 de xaneiro de 2021

  • O PXOM volveu a vir a pleno para aprobalo provisionalmente. Trámite que xa se fixera en outubro de 2019, pero a Xunta devolveuno polas deficiencias que lle atopou. A nova versión que o PP presentou onte ten decenas de modificacións de calado que afectan a gran parte dos núcleos do concello, pero non corrixiron os múltiples erros que o BNG denunciou xa en 2019, nin aceptaron a nosa proposta de expoñelo publicamente. PP e VUP votaron a favor. BNG e PSdG votamos en contra.
  • Somos o único concello sen planeamento e as consecuencias fanse máis evidentes cos confinamentos perimetrais. O concello de Portas carece de tecido empresarial e comercial, así que os veciños e veciñas vense obrigados a saír fóra para mercar o máis básico. Non ter comercio local non é casualidade nin mala sorte, é consecuencia de décadas perdidas sen planificación nin planeamento. Compárese con calquera concello do arredor.

  • Dende que se comezou a elaborar este PXOM, alá por novembro de 2008, o PP NUNCA aceptou ningunha reunión co BNG para falar do PXOM, nin con Roberto Vázquez, nin con Víctor Estévez, nin con Ricardo Martínez. En 12 anos e 2 meses nin quixeron nin tiveron tempo para falar co BNG.
  • En breve faremos público un documento enumerando algúns dos máis graves erros deste PXOM.
  • O concello de Portas adheriuse a un convenio coa Xunta de Galicia para tramitar sancións por incumprimentos das medidas sanitarias contra a Covid-19. Preguntamos cantos expedientes sancionadores hai actualmente abertos en Portas pola Covid que motivasen ter que pedirlle axuda á Xunta para tramitar as sancións e o Alcalde non soubo responder nin sequera de forma aproximada.
  • Modificouse a periodicidade dos plenos. En lugar de celebrarse cada 3 meses, volverán a ser cada 2 meses como na época de Roberto Vázquez.
  • En todo 2020 só tivemos 2 plenos onde poder preguntar, así que no punto da orde do día de rogos e preguntas tiñamos moitas cuestións que formular.
  • Preguntamos por facturas a nome de “Viravolta Comunicacións S.L.” que atopamos entre os listados de centos de facturas dos últimos meses que nos entregaron, e resulta que o alcalde contratou a dedo a unha empresa para SERVIZO DE PRENSA. Cartos municipais para publicidade e sen informar nin á veciñanza nin á oposición.
  • Faltando 6 meses para as eleccións municipais o alcalde púxose un soldo municipal de 35.500€ para dedicarse a tempo completo á campaña electoral, e agora que xa é alcalde contrata un servizo de prensa para autobombo e manterse no poder. Todo con cartos dos contribuíntes.
  • Preguntamos por outra factura rara e resulta que o PP quere construír un aparcadoiro para autocaravanas na finca da Azucreira xunto á Escola Infantil, e que poidan descargar alí as augas negras das autocaravanas.
  • O concello vai acometer o cambio de herba artificial do campo de fútbol da Rapeira con cartos do Plan Concellos da Deputación. A obra xa acumula máis dun ano de retraso dende que o concello ten os cartos á súa disposición.
  • O concello vai inaugurar en breve dúas pistas de pádel cun custo de 46.971,82€, construídas sobre a pista de tenis da Azucreira que á súa vez fora inaugurada en outubro de 2010 cun custo xa por entón de 44.660,64€. Non hai ningunha instalación deportiva nin en Briallos nin en Lantaño, pero desfán unha pista de tenis en Portas para facer dúas pistas de pádel, que ademais de non ser algo prioritario, mercan as máis caras posibles (aptas para o World Padel Tour). A obra foi adxudicada a unha empresa que logo subcontratou a obra a outra empresa. Negocios para beneficio dalgúns mentres o colexio segue sen o novo patio cuberto que precisa.
  • Preguntamos por que está sen aprobar o orzamento de 2021, incumprindo a lei, agora que non lles vale a escusa de non ter maioría absoluta, e o alcalde só alcanzou a dicir: “pronto”.
  • Preguntamos en que teñen pensado gastar os cartos do Plan Concellos da Deputación deste ano. A contestación de Ricardo foi que non saben aínda.
  • Preguntamos polo servizo de urbanismo do concello despois de que a arquitecta actual denunciase ao concello. Segundo o alcalde, o contrato actual da arquitecta está próximo a rematar pero aínda non saben que van facer. O BNG solicitamos que se convoque unha oposición para cubrir a praza de arquitecto/a municipal. O servizo de urbanismo actualmente está sobrecargado de traballo. Por exemplo, estase tardando máis dun ano en conceder licenza para construír unha casa nova, ou denuncias de febreiro de 2014 ás que se lle está abrindo expediente en decembro de 2020, ou ata tres ordes de demolición asinadas pola Alcaldía que varios anos despois están sen executar, ...

26 de xan. de 2021

Pleno Ordinario

O venres 29 de xaneiro de 2021 ás 21:00 h. celebrarase un pleno ordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión anterior extraordinaria de 27-11-2020.
  2. Expediente 86/2018. Aprobación provisional Plan Xeral de Ordenación Municipal.
  3. Expediente 661/2020. Ratificación da Resolución de Alcaldía de adhesión o Convenio entre a Xunta de Galicia e FEGAMP para a tramitación dos procedementos sancionadores en relación co incumprimento das medidas de prevención para a loita contra o COVID-19.
  4. Expediente 42/2021. Modificación da periodicidade das sesións dos órganos colexiados.
  5. Dación de contas Decretos de Alcaldía dende 27-10-2020 o 26-01-2021.
  6. Rogos e preguntas.



20 de xan. de 2021

Convocatoria Comisión de Urbanismo, Obras, Servizos, Vivenda, Solo e Medio Ambiente

O venres 22 de xaneiro de 2021 ás 21:00 h. celebrarase unha reunión da Comisión de Urbanismo, Obras, Servizos, Vivenda, Solo e Medio Ambiente na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión extraordinaria anterior de data 23 de novembro de 2020.
  2. Expediente 86/2018. Aprobación provisional Plan Xeral de Ordenación Municipal.