O grupo nacionalista de Portas presentou o 31 de outubro no rexistro do concello unha moción para reclamar un novo "trámite de información pública" do PXOM con anterioridade á aprobación provisional polo Pleno municipal.
O apartado 8 do artigo 85º (Procedemento de
aprobación do plan xeral) da lei 9/2002 de Ordenación urbanística e protección
do medio rural de Galicia di: “No caso de
que pretendan introducirse, no momento da aprobación provisional polo pleno
municipal, modificacións que signifiquen un cambio substancial do documento
inicialmente aprobado, pola adopción de novos criterios respecto da
clasificación e cualificación do solo, ou en relación coa estrutura xeral e
orgánica do territorio, abrirase un novo trámite de información pública con
anterioridade ao referido acordo do pleno municipal e da remisión da
documentación oportuna á consellería para resolver sobre a súa aprobación
definitiva”.
O documento do PXOM foi modificado substancialmente
trala aprobación inicial. Entre os cambios máis representativos pódense
enumerar os seguintes:
- modificación completa na clasificación e cualificación do solo, así como tipoloxías edificatorias permitidas, na zona da Estación-Azucreira (Portas),
- modificación na clasificación e cualificación do solo na zona de Couto-Costa (Romai), coa eliminación do solo urbanizable non delimitado de uso industrial SUND-01,
- modificación do tamaño mínimo de parcela no solo de núcleo rural común e de núcleo rural histórico-tradicional, ou
- modificación das delimitacións da maioría dos núcleos rurais.
A pesares dos múltiples cambios, non se corrixiron
moitos dos numerosos erros detectados e denunciados na cartografía, no
parcelario, no catálogo de patrimonio ou nos diferentes documentos que integran
o PXOM. Tamén se persiste na falta de coordinación cos procesos de
concentración parcelaria nas parroquias de Briallos e Romai.
O grupo municipal do BNG considera que, á vista
dos numerosos e profundos cambios habidos no documento de PXOM dende a súa aprobación
inicial, é necesario un novo trámite de exposición pública, especialmente tendo
en conta a falta de participación veciñal durante o proceso de elaboración do
PXOM por intención expresa do goberno municipal. De non abrirse un novo trámite
de información pública estaríase a causar desprotección nos veciños e veciñas que
observan indefensos como o documento exposto publicamente non ten parecido
algún co que se pretende aprobar provisionalmente.
O grupo nacionalista de Portas demanda ao Pleno municipal a abrir un novo trámite de información
pública do PXOM con anterioridade á aprobación provisional.