30 de xul. de 2022

Resume do pleno do 29 de xullo

  • Asistimos todos os concelleiros menos 1 de VUP e a representante do PSdG.
  • Utilizouse por 1ª vez un sistema de vídeo-gravación, co obxectivo de que no próximo pleno xa se retransmita en directo.
  • O PP aprobou a conta xeral de 2021 e delegou no Alcalde a competencia para contratar un préstamo de 234.000€ para poñer herba artificial no campo de fútbol de Romai. O BNG votamos en contra de delegar no Alcalde esta competencia, Ricardo Mtnez. é o Alcalde que concentra máis competencias de toda a comarca con diferenza, é consideramos que é un tema de tal relevancia que debería ser tratado polo Pleno.
  • Tamén se nomeou a Chus Fontán como representante do concello no GDR Salnés-Ulla-Umia.
  • Informouse de 2 obras solicitadas polo concello a través do Plan Concellos e aprobadas pola Deputación. Unha de 48.081,59€ e outra de 48.383,71€. Casualmente as 2 axustando o límite para que poidan ser “contrato menor” e poder adxudicar a dedo. O límite de contrato menor de obras está en 40.000€ que con IVE chega a 48.400€. Casualidade!
  • Chegados ao punto de “rogos e preguntas”, como sempre, cando nós comezamos a falar, Víctor Estévez abandonou o pleno. Vese que a educación e o respecto non melloran co tempo.
  • Preguntamos como é posible que en decembro de 2021 se publicase no BOP (boletín oficial da provincia) a entrada en vigor do PXOM, coa obriga de publicar na páxina web do concello os documentos do PXOM, pero que a día de hoxe segan sen publicarse. Non houbo contestación.
  • Preguntamos como é posible que se permitise a celebración do JAPODAY o pasado fin de semana sen dispoñer dos permisos necesarios. Unha actividade realizada sen as máis mínimas medidas de seguridade, sen os permisos de cesión das instalacións municipais para uso dun grupo privado, e totalmente incompatible coa tranquilidade dos veciños ou por exemplo co parking de autocaravanas inaugurado apenas 4 meses antes. Dende o BNG consideramos que este tipo de eventos non deberían autorizarse, 1º por carecer de permisos, e 2º polos riscos asociados ao propio evento e a unha parte importante do público que sen respectar as normas de circulación e convivencia, se dedicaron a emular o visto no espectáculo con derrapes e circulando a elevadísimas velocidades na zona da Estación pero tamén pola estrada de Portas a Lantaño. O alcalde non sabía onde meterse, só soubo mentir e dicir que si que tiñan permisos. Seguiremos informando.
  • Preguntamos por unhas obras de 43.000€ que se van a levar a cabo na depuradora da ponte Chaín. Unha EDAR que custou 300.000€ hai 5 anos eque xa hai que meterlle outros 43.000€ en reformas...
  • Preguntamos pola situación dun baldío en San Bieito en Lantaño. Ricardo quitouse a responsabilidade dicindo que é un problema de disputa entre 2 familiares, pero acabou recoñecendo que o concello lle concedeu licenza a un particular para facer un muro-peche nun terreo que agora unha sentenza xudicial di que é baldío, e polo tanto propiedade dos veciños. Preguntamos como o vai resolver, pero o alcalde non soubo responder. Na mesma zona o concello meteu uns tubos de saneamento por uns terreos privados sendo Ricardo o concelleiro de obras, tampouco sabe que vai facer agora.
  • Ao inicio do pleno, o alcalde leu unha declaración institucional para aprobar un “Plan de Medidas Antifraude” promovido pola Unión Europea para evitar fraudes e conflitos de interese no concello. O BNG aplaude esta declaración de intencións, pero desexamos que non quede en boas palabras, porque por exemplo fálase de transparencia pero o alcalde négase a informar a onde destinou 4 camións de formigón con fibras, ou por exemplo tamén se fala de non usar o cargo para intereses particulares pero logo unha boa parte do céspede retirado do campo de fútbol de Portas acaba en mans de Ricardo Mtnez e de Víctor Estévez.
  • Para finalizar rogamos que o alcalde traballe e faga as xestións necesarias para conseguir os terreos necesarios para que a Deputación acometa a mellora completa da estrada de Romai a Portas. O alcalde respondeu que vai traballar. Dubidamos que cumpra, porque hai 4 meses que o BNG lle propuxemos facer unha declaración institucional de toda a corporación sobre este tema, entón dixo que si, pero hoxe aínda seguimos esperando.

26 de xul. de 2022

Pleno Ordinario

O venres 29 de xullo de 2022 ás 21:00 h. celebrarase un pleno ordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:
  1. Aprobación da acta da sesión anterior de 27-05-2022.
  2. Expediente 310/2022. Aprobación da Conta xeral 2021.
  3. Expediente 455/2022. Delegación de Competencias do Pleno no Alcalde: Concertación dunha operación de préstamo a longo prazo.
  4. Expediente 451/2022. Nomeamento do representante municipal no Grupo de desenvolvemento rural Salnés-Ulla-Umia.
  5. Dación de contas. Decretos de Alcaldía dende o 24-05-2022 ao 26-07-2022.
  6. Dación de contas. Periodo medio de pago 2º trimestre 2022.
  7. Dación de contas. Plan Concellos 2022-2023.
  8. Rogos e preguntas.


20 de xul. de 2022

Convocatoria ordinaria da Comisión de Urbanismo, Obras, Servizos, Vivenda, Solo e Medio Ambiente

O venres 22 de xullo de 2022 ás 21:10 h. celebrarase unha reunión da Comisión de Urbanismo (...) na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Expediente 466/2022. Aprobación da acta da sesión anterior de 19-11-2021.
  2. Expediente 451/2022. Nomeamento do representante municipal no Grupo de desenvolvemento rural Salnés-Umia-Ulla.



Convocatoria ordinaria da Comisión Especial de Contas

O venres 22 de xullo de 2022 ás 21:00 h. celebrarase unha reunión da Comisión Especial de Contas na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión anterior de data 03-06-2022.
  2. Expediente 455/2022. Delegación de Competencias do Pleno no Alcalde: Concertación dunha operación de préstamo a longo prazo.


15 de xul. de 2022

ACTO PÚBLICO - DÍA DA PATRIA - GAÑARMOS O FUTURO

Acto Público en Briallos dentro da campaña que o BNG está a desenvolver por todo o País no marco do Día da Patria do próximo luns 25 de xullo, e para analizar a situación política actual.
Temos equipo, temos ideas claras, sabemos priorizar e moitas ganas de traballar, traballar e traballar.
Só o pobo salva o pobo.
Hai BNG!