27 de mar. de 2022

Resume do pleno do 25 de marzo

  • Comezouse o pleno coa lectura dunha declaración institucional de toda a corporación condenando o presunto feminicidio de Jéssica Méndez Iglesias e esixindo unha investigación rigorosa.
  • Aprobouse un recoñecemento extraxudicial de créditos (5 votos a favor do PP, 3 votos en contra de BNG e PSOE, e 2 abstencións de VUP), que é un procedemento polo cal o goberno levanta un “reparo suspensivo” da Secretaria Municipal para pagar 79 facturas, por valor de máis de 54.000€. O reparo a estas facturas débese a deficiencias na tramitación dos procedementos administrativos, por exemplo ausencia de contrato (é o caso entre outros moitos do servizo de prensa do alcalde) ou por facer as contratacións verbalmente sen ningún tipo de expediente, cousa que está prohibida. Nos dous últimos meses, tamén as nóminas dos empregados municipais foron paralizadas por reparos de Intervención, e o motivo debe ser porque a asesoría laboral que realiza as nóminas leva décadas sen contrato a pesar das denuncias do BNG.
  • Aprobouse o orzamento de 2022, que entrará en vigor a mediados ou finais do mes de abril, cando por lei debería estar aprobado o 31 de decembro pasado. Teñen maioría absoluta pero a xestión é caótica. En primeira votación houbo un empate (5 votos a favor do PP e 5 en contra de BNG, VUP e PSOE). En segunda decidiu o voto de calidade do alcalde. Un orzamento falto de ambición, continuista e irreal, que acabará sendo como sempre papel mollado, que haberá que remendar decenas de veces con modificacións de crédito ao longo do ano para poder pagar as facturas. Desaparecen as axudas para actividades culturais e deportivas de asociacións (-9.000€), de modo que o alcalde repartirá a dedo como en tempos que parecían pasados. Tamén desaparece a axuda para a ANPA do CPI Domingo Fontán, e redúcese a partida para familias e institucións sen fins de lucro en 2.500€. No orzamento non se contemplan nin as reformas do campo de fútbol de Romai ou a Escola de Música, nin a comprometida pista deportiva en Briallos. Estas obras tampouco se van facer a cargo do Plan Concellos, así que o BNG preguntamos se se van facer con remanentes de tesourería de anos anteriores (aforros de anos anteriores) pero non souberon dicir nin sequera aproximadamente canto hai en remanentes. Así que para levar a cabo esas obras dependerase de conseguir algún tipo de subvención doutras administracións.
  • Aprobouse por unanimidade a RPT (relación de postos de traballo). Este documento, que foi votado favorablemente previamente pola maioría dos traballadores do concello (actualmente 13), establece as tarefas encomendadas a cada posto de traballo e o salario asignado a cada un. É un documento obrigatorio por lei, pero é a primeira vez na historia que se aproba en Portas (30 anos consecutivos con gobernos do PP). En 2016 con Víctor Estévez de alcalde e Ricardo Martínez de tenente de alcalde encargouse a unha empresa a redacción inicial dunha RPT, pero a pesar de gastar no proxecto máis de 5.000€, non se fixo nada con el e acabou nun caixón. Un de tantos. Este ano vaise a xubilar o único funcionario que hai no concello (e que accedeu fai máis de 30 anos), así que en breve en Portas non haberá ningún empregado que accedese por oposición.
  • O alcalde anunciou o destino dos ingresos do Plan Concellos da Deputación deste ano: instalacións de biomasa, iluminación exterior sostible, equipo audiovisual para gravar os plenos, muros en varias pistas (Briallos e Portas), mellora pista en Bacelo (Romai), ensanche no Cachal (terreos doados pola comunidade de montes de Lantaño), saneamento en Piñeiro (Briallos) e Currás (Portas), recollida de lixo e contratación de 6 traballadores por 6 meses e outros 6 por 5 meses e medio.
  • Moción presentada polo BNG para preguntar polo destino de 3 facturas correspondentes á man de obra dun traballo con encofrados (supostamente no CPI Domingo Fontán pero que é falso) e 4 camións de formigón con fibras (32 m3) que saíron da Goulla en dúas horas. O alcalde negouse a responder dicindo que está no seu dereito de non responder. ESE DEREITO NON EXISTE!!! O alcalde ten obriga de responder as preguntas da oposición. Na votación houbo que desempatar (4 votos a favor de BNG e VUP e 4 en contra do PP), rexeitándose finalmente a moción co voto de calidade do alcalde. Antes da votación ausentáranse dous concelleiros. Curiosamente as obras destas 3 facturas realizáronse o mesmo día, pero unha factura pagouse en febreiro, outra en marzo e outra en abril. Coa clara intención de que estas facturas pasasen desapercibidas nos listados de centos de facturas que se pagan cada mes. O BNG ten confirmado que as obras pagadas con cartos públicos sen mediar convenio, non se realizaron no colexio (como se di na primeira factura) senón na pista dos cabalos de Romai, que é un terreo privado da comunidade de montes, e sen a preceptiva licenza municipal de obras. Agora o alcalde négase a responderlle ao BNG, pero xa non pode ocultar a realidade.
  • En rogos e preguntas só intervimos o BNG. As preguntas máis destacadas que fixemos foi sobre a concentración parcelaria de Briallos e o proxecto da Deputación para asfaltar a estrada entre Chandouteiro e a Rapeira. Respecto da parcelaria preguntamos sobre a colocación de marcos que se está a levar a cabo ultimamente, e a vaga contestación foi que probablemente sexan uns marcos provisionais para facer unhas aproximacións iniciais. En canto á estrada de Romai á Rapeira pedimos que o grupo de goberno se mobilice para esixirlle á Deputación que non só parchee a estrada cunha capa de asfalto senón que tamén corrixa as curvas máis perigosas en Porta de Conde e no Liñar, e mellore a seguridade na zona de San Xoán.

22 de mar. de 2022

Pleno Ordinario

O venres 25 de marzo de 2022 ás 21:00 h. celebrarase un pleno ordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Expediente 210/2022. Aprobación da acta da sesión anterior ordinaria nº 1 de 28-01-2022.
  2. Expediente 202/2022. Recoñecemento Extraxudicial de Créditos nº 1 - 2022.
  3. Expediente 164/2022. Aprobación do Orzamento municipal 2022.
  4. Expediente 167/2022. Aprobación da Relación de Postos de Traballo.
  5. Dación de contas. Decretos de Alcaldía dende o 25-01-2022 ao 22-03-2022.
  6. Documentación Plan Concellos 2022-2023.
  7. Moción: información sobre determinadas facturas (presentada por BNG).
  8. Rogos e preguntas.


16 de mar. de 2022

Convocatoria ordinaria da Comisión de Cultura, Deporte, Educación, Turismo, Igualdade, Benestar Social, Emprego e Xuventude

O venres 18 de marzo de 2022 ás 21:15 h. celebrarase unha reunión da Comisión de Cultura (...) na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Expediente 195/2022. Aprobación da acta da sesión anterior de data 17/09/2021.
  2. Expediente 167/2022. Aprobación da Relación de Postos de Traballo.
  3. Rogos e preguntas.


Convocatoria ordinaria Comisión Especial de Contas

O venres 18 de marzo de 2022 ás 21:00 h. celebrarase unha reunión da Comisión Especial de Contas na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Expediente 194/2022. Aprobación da acta da sesión anterior extraordinaria da Comisión de Contas de 06/10/2021.
  2. Expediente 164/2022. Aprobación do Orzamento 2022.
  3. Rogos e preguntas.