OS PACIENTES TEÑEN QUE ACUDIR A URXENCIAS PARA SER
ATENDIDOS
As citas tanto para consultas como para receitas no centro de
saúde de Portas estanse dando dende hai semanas con moitos días de retraso,
pero a situación límite chegou a semana pasada cando as citas se comezaron a
dar con quince días de retraso, obrigando aos pacientes a desprazarse a
urxencias a Caldas ou a Pontevedra para consultas de atención primaria.
Hai casos como enfermos crónicos de diabetes aos que se lles dá
cita para dúas semanas despois da solicitude, simplemente para activar as
receitas de pastillas que necesitan e que sen esa activación non lle poden
subministrar na farmacia.
O centro de saúde de Portas vén arrastrando dende fai anos
problemas moi graves por falta de persoal facultativo para atender os
pacientes, problemas que se agravan durante os meses de verán coincidindo coas
vacacións do persoal e que o SERGAS decide non cubrir.
Durante os últimos dous anos, o SERGAS estivo cubrindo a baixa
dun médico titular con esporádicas rotacións temporais de distintos
profesionais. A baixa definitiva deste médico produciuse hai un par de meses e
recentemente o SERGAS cubriu a praza vacante, sen embargo, as vacacións da outra
titular volven a provocar o caos e esperas de 15 días para unha simple cita de
atención primaria.
No verán de 2017 a situación chegou a tal deterioro que houbo
días laborables nos que o centro médico de Portas quedou totalmente ao
descuberto sen ningún facultativo para atender os pacientes de todo o concello
(máis de 3000 habitantes).
O BNG-Asembleas Abertas xa denunciou as esperas nas citas do
centro médico de Portas en innumerables ocasións coa presentación de mocións, que
aínda que son aprobadas por unanimidade do Pleno municipal acaban esquecidas
nos caixóns do alcalde.
O BNG-Asembleas Abertas
considera esta situación de todo inaceptable e esíxelle ao SERGAS a cobertura
ao 100% das baixas e vacacións dos profesionais sanitarios do centro de saúde de
Portas.
Captura de pantalla do servizo de cita previa por internet do venres 20 de xullo
Ningún comentario:
Publicar un comentario