Eu son unha persoa con especial sensibilidade pola miña terra, polo meu concello. Síntome orgulloso de ser de Portas, toda a miña familia e gran parte dos meus amigos o son, aquí teño as miñas profundas raíces e aquí quero vivir, polo que me sinto na obriga de comprometerme con esta terra, coas persoas que aquí viven, coas que tiveron que emigrar e voltaron, coas que están desexando facelo. Ao mesmo tempo son un defensor do galego, a fala amplamente maioritaria no noso concello, quero que os nenos e nenas poidan falar galego sen prexuízos cando van ao instituto ou á universidade, que todos nos sintamos con orgullo de ser de Portas, un concello maioritariamente rural que ensalza os seus valores auténticos; quero recuperar ese prestixio de que cando nos pregunten de onde somos digamos: “de Portas” coa boca chea. Síntome dende neno comprometido coa defensa do noso, o pobo, a terra, a fala.
Como ves a situación do Concello?
O noso concello, conta cunha situación xeográfica privilexiada, perto de Caldas, Vilagarcía, Pontevedra, incluso Vigo e Compostela, e a pesar diso segue a perder poboación. Nos últimos catro anos o censo pasou de ser próximo a 3.500 a achegarse actualmente aos 3.000. Esta é unha proba máis que evidente de que o noso concello está en recesión. Na miña opinión debido ó desgoberno e desgana dun rexedor que xoga a ser alcalde nos seus intres libres, cando non se ten que dedicar aos seus negocios, o cal é lícito, pero entón, non pode estar cobrando 36.000€ ao ano por unha dedicación exclusiva que non cumpre no máis mínimo. Non ten proxecto nin ideas, proba é que nunca se aprobaron uns orzamentos anuais, só se fan cousas pensando nos réditos en votos que se obterán cando se achega o momento das eleccións.
A democracia neste concello é inexistente, vivimos nunha dictadura, os plenos son frustrantes, non existe o razoamento, nin a lóxica, nin o sentido común. Eu invitaría aos meus veciños a asistir a algún pleno. O que funciona no noso concello é a cultura do medo, de vender dereitos por favores. Ninguén pode opinar algo que sinxelamente non concorde co que di o alcalde por temor a represalias; ese temor nótase nas persoas deste concello, penso que é unha situación que hai que mudar.
A mocidade, a cultura, o deporte están abandonados, o sector socieconómico e empresarial non se activa, non se crean postos de traballo, as comunidades de montes están sendo responsábeis de competencias que tiñan que ser do concello en troques de formalizarse colaboracións para facer obras conxuntas.
O alcalde non defende os dereitos dos veciños e adícase a ir a remolque, a ser un oportunista cando se achega unha solución a algún problema e tentar apuntarse o tanto, como por exemplo o ocorrido coas obras do tren. Moitos aspectos hai que mellorar.
É de vital importancia que chegue a democracia ó noso concello, promover a interlocución cos diferentes sectores sociais, podéndose crear consellos de participación veciñal en cada parroquia.
Facer do concello unha institución receptiva da cal todos nos sintamos parte, que resolva os problemas con axilidade e transparencia.
Temos que sacar adiante o Plan Xeral de Ordenación Municipal consensuado cos veciños e dar a posibilidade aos homes e mulleres de Portas de poder facer as súas casas sen necesidade de marchar a outros concellos a vivir en pisos. Procurar que o noso municipio, de vocación residencial, sexa un lugar agradable para vivir, con servizos e calidade de vida. O concello debe actuar como motor tentando crear emprego e fixar a riqueza, poñer en valor os abundantes recursos naturais, patrimoniais e culturais que posuímos e que atraian á xente favorecendo o turismo, coordinando e planificando con outros entes institucionais.
Nas parroquias, é necesario mellorar a situación dos centros socioculturais, das instalacións deportivas, das escolas primarias, axudar ás diferentes asociacións, fomentar o asociacionismo xuvenil, crear actividades para eles, para o cal temos diseñado un plan de acción parroquial que se deberá coordinar cos consellos de participación veciñal de cada parroquia e coa Consellaría de Cultura e Deporte.
Queremos solventar o problema do saneamento e do abastecemento de auga, polo que se debe estudiar a posibilidade de buscar outros puntos de captación de auga e da instalación dunha depuradora axeitada.
Serei un alcalde que goberne para Portas no seu conxunto global, para todos e todas, e quero facelo con diálogo, transparencia, proxectos, ideas claras, firmeza e decisión.
Conto para iso cun equipo de persoas preparadas, auténticas, responsábeis, proba diso é o compromiso de formar parte deste gran proxecto do próximo goberno municipal, e o traballo que levan desempeñado nos últimos anos nas súas parroquias e lugares, nos seus entornos sociais e culturais.
Para lograr isto todos somos necesarios, polo que quero contar con todos e animo a incorporarse a este proxecto a todos aqueles que queiran formar parte del, quero que desta volta se fixen no noso proxecto e confien en nós, e para iso o mellor e estar dentro del.
Noutra liña, dicir que o alcalde é o representante de todos os veciños e veciñas do concello e ten que velar polos seus intereses. Un alcalde non pode estar ausente en problemas como os ocorridos polas obras do tren, (expropiacións, casas e camiños estragados, pozos sen auga…) ou das expropiacións para as estradas.
En casos como este o alcalde debe ser o acugulador do pobo e defender de verdade, con compromiso, os dereitos de todos os veciños e veciñas, sen distinción.
Ningún comentario:
Publicar un comentario