O grupo municipal do BNG de Portas ven de presentar no rexistro do concello unha moción para solicitar a remisión das actas da xunta de goberno no prazo que establece o Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais.
O goberno municipal do
Concello de Portas incumpre sistematicamente a normativa de obrigado
cumprimento, entregando as copias das actas das sesións da
Xunta de Goberno fóra do prazo establecido, impedindo de xeito efectivo o
traballo de fiscalización da oposición.
O grupo municipal do BNG esixiu o cumprimento da
legalidade en innumerables ocasións nos plenos ordinarios dos últimos 5 anos no
punto da orde do día de “rogos e preguntas” pero con nulo éxito. Igualmente, o
grupo municipal do BNG chegou a solicitar dous plenos extraordinarios (22 de
setembro de 2008 e 28 de maio de 2009) tratando explicitamente este asunto. En
ambas ocasións aprobouse por unanimidade a remisión das copias das actas da
Xunta de Goberno en menos de 10 días dende a súa celebración, sen embargo, o
resultado obxectivo é que non se cumpren os acordos plenarios pola nula
disposición do goberno municipal. Incluso o grupo municipal do BNG tivo que
chegar a demandar o cumprimento da legalidade ante o valedor do pobo, que
concluíu en “lembrar ao Concello o deber
legal de respectar os prazos establecidos para remitir aos concelleiros a
devandita documentación”.
Todos os anteriores intentos de esixir que o
goberno municipal cumprira a legalidade foron infrutuosos, e de feito as
demoras son cada vez maiores e máis habituais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario