O contrato con URBASER para recollida e tratamento de cartón, envases lixeiros e voluminosos caducou en xuño de 2016
O contrato
que o concello de Portas asinou en 2014 coa empresa URBASER S.A. para a
recollida e tratamento de cartón, envases lixeiros e voluminosos caducou en
xuño de 2016, xa despois dunha prórroga, sen que o concello fixese ningún tipo
de xestión para renovalo ou sacar novamente o servizo a concurso.
Quince meses despois e ante a pasividade total do grupo de
goberno, a empresa segue prestando o servizo pero en precario e de forma
discrecional, de modo que a calidade do servizo é inaceptable. Os colectores
amarelos non se recollen ata que están desbordados (cos conseguintes cheiros e
mala imaxe) e algún empregado municipal dá o aviso á empresa, que tarda semanas,
incluso meses, en pasar a recoller. Mentres, o material que os usuarios
separaran na casa acaba nos colectores xenéricos verdes e incinerados en Sogama
producindo un efecto desmotivador, maiores costes para o concello e un dano
dificilmente reparable no futuro para o sistema de reciclaxe.
O BNG-Asembleas Abertas lembra que en Portas a recollida dos
colectores xenéricos verdes (refugallos orgánicos e residuos que non poidan ser
reciclados) realízaa directamente o concello con medios propios de forma moi
precaria, enviando os residuos posteriormente a Sogama para o seu tratamento e
incineración. Sen embargo, a taxa municipal “pola prestación do servizo de
recollida de residuos sólidos urbanos, tratamento e eliminación dos mesmos” é a
máis alta dos concellos da comarca (86 euros anuais por vivenda).
O BNG-Asembleas Abertas considera necesario acometer á maior
brevidade posible unha revisión en profundidade de todo o sistema de recollida
e tratamento de residuos domésticos no concello de Portas, orientándoo á
compostaxe e a unha reciclaxe real. O Plan Compost Revitaliza da Deputación é
unha magnífica oportunidade para transformar o sistema municipal cara un modelo
que promova hábitos de consumo sostitbles e responsables.
O BNG-Asembleas Abertas
reclama do goberno municipal do Partido Popular que fuxa de posicionamentos
ideolóxicos e partidistas e que Portas se adhira á maior brevidade posible ao
Plan Compost Revitaliza da Deputación, programa mediante o cal pode recibir sen
coste, entre outros, asesoramento técnico, accións formativas para a poboación
e os compostadores individuais e comunitarios necesarios para a posta en marcha
do novo sistema baseado na compostaxe.