18 de xan. de 2010

O BNG de Portas presenta una moción para esixir a colocación de protección na pista de Lantaño xunto ao río Umia

Colocación de protección, tipo bionda dobre ou outra, na zona do río Umia, na estrada de Almirante (Lantaño) a Godos (Caldas de Reis)

Na parroquia de Lantaño, entre os lugares de Rial e Fontenla, pasa a estrada que une o lugar de Almirante coa parroquia de Godos do concello de Caldas de Reis, existindo un treito da mesma, dende o cruce coa pista que ven de Paraíso (Portas) até a seguinte curva á esquerda, no sentido de circulación cara a Godos, no que, de producirse un accidente con saída de vía, é moi probable que se caia no río Umia, constituíndo a situación actual un perigo inminente. Por razóns de seguridade cidadán e en especial de seguridade do tráfico rodado, deberíase instalar unha protección, tipo bionda dobre ou calquera outra, que impida de xeito efectivo, a precipitación á canle do río Umia no caso dunha saída de vía, que podería sobrevir con consecuencias fatais. Este perigo vese incrementado no inverno, coas baixas temperaturas, que fan que o viario estea máis esvaradío, incluso ás veces con xeada ou xeo dun día para outro, e as altas precipitacións, que ademais de provocar menor adherencia entre os pneumáticos e o pavimento, fan que o caudal do río sexa excepcionalmente alto, chegando ás veces preto do propio pavimento da nomeada estrada.

Asemade, deberíase ter garantida na medida do posible, a seguridade ante a posibilidade de xeada ou placas de xeo nesa mesma zona. Unha posible solución sería espallar sal nos días que se prevé que se vai dar este fenómeno.

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego considera que é necesario instalar de forma inmediata unha protección que evite as saídas de vía no entorno do río Umia na estrada de Almirante a Godos, ademais de tomar medidas activas para evitar a formación de xeo na calzada durante o inverno.

Por todo isto, o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego presentou unha Moción no Concello propoñendo ao Pleno da Corporación Municipal de Portas adopción dos seguintes

ACORDOS

1. Instalar de xeito urxente unha protección, tipo bionda dobre ou outra, a carón do río Umia na estrada de Almirante (Lantaño) a Godos (Caldas de Reis) entre os lugares de Rial e Fontenla.

2. Garantir na medida do posible, a seguridade ante a posibilidade de xeada ou placas de xeo nesa mesma zona.

5 de xan. de 2010

Asemblea local de Portas

O venres 8 de xaneiro ás 21:00 h. celebrarase unha asemblea no local da Antiga Cámara Agraria en Portas.
Trataranse temas de política local.
Rógase asistencia e puntualidade.

23 de dec. de 2009

Pleno Ordinario

O luns 28 de decembro ás 14:50 h. celebrarase un pleno ordinario na casa do Concello coa seguinte orde do día:
1. Aprobación actas sesións anteriores.
2. Coñecemento das resolucións da Alcaldía.
3. Rogos e preguntas.

Novamente, o grupo de goberno do PP convoca un pleno totalmente valeiro de contido.

10 de dec. de 2009

Asemblea Local de Portas

O sábado 12 de decembro ás 19:30 h. celebrarase unha asemblea no local da Antiga Cámara Agraria en Portas.
Trataranse temas de política local.
Rógase asistencia e puntualidade.

2 de dec. de 2009

A intolerancia do PP non impide que as iniciativas do BNG sexan tratadas en pleno

Pleno Extraordinario en Portas solicitado polo BNG
Mañá, xoves 2 de decembro ás 14:50 h. celebrarase unha sesión extraordinaria do Pleno do Concello de Portas solicitada polo grupo municipal do BNG para tratar 7 mocións que o Partido Popular se negou a incluír na orde do día de plenos ordinarios.
O PP facendo gala da súa intransixencia e falla de vontade democrática, négase a debater coa oposición sobre os temas que lle preocupan á cidadanía. As sesións ordinarias dos plenos son sistematicamente baleiradas de contido, incluíndo de forma estrita só os puntos de orde que a lei impón, a saber: aprobación de actas anteriores, comunicación de resolucións da Alcaldía e rogos e preguntas. Impedindo de forma efectiva o traballo da oposición.
Ante esta situación, o BNG fixo uso do seu dereito e solicitou un pleno extraordinario para obrigar a que as demandas das veciñas e veciños de Portas sexan escoitadas polos seus gobernantes, que se din chamar populares.
As iniciativas do BNG que se debaterán serán:
1. Lista de acredores, reclamando información das débedas de larga duración.
2. Recheos no entorno do río Barosa, para solicitar ao Concello de Barro a modificación do proxecto de mellora do entorno do río Barosa e evitar os recheos.
3. Fondo estatal para o emprego e a sustentabilidade local 2010, propoñendo unha serie de actuacións con cargo a este fondo.
4. Horario e publicidade dos plenos da corporación, solicitando que os plenos sexan convocados nun horario axeitado para a participación cidadá.
5. Local de reunión para os grupos políticos, para o cumprimento da lei.
6. Hospital único para a área sanitaria norte de Pontevedra, reclamando a construción inmediata dun hospital único e público.
7. Gratuidade dos libros de texto, instando á Xunta a garantir a súa continuidade.
Ante a parálise do goberno municipal de Portas, e a súa negativa a debater as mocións da oposición sobre os asuntos que realmente lle importan ás veciñas e veciños, o Bloque Nacionalista Galego solicitou un pleno extraordinario que se celebrará mañá xoves ás 14:50 h.

30 de nov. de 2009

Pleno Extraordinario solicitado polo BNG

O xoves 3 de decembro celebrarase un pleno extraordinario na casa do Concello ás 14:50 h., por solicitude do Grupo Municipal do BNG, coa seguinte orde do día:
1. Gratuidade dos libros de texto.
2. Hospital único para a área sanitaria norte de Pontevedra.
3. Local de reunión para os grupos políticos.
4. Horario e publicidade dos plenos da corporación.
5. Fondo estatal para o emprego e a sustentabilidade local 2010.
6. Recheos no entorno do río Barosa.
7. Lista de acredores.

22 de nov. de 2009

Cea-lembranza a tres amigos e compañeiros

O sábado, 21 de novembro ás 21:00 h. celebrouse unha cea-homenaxe para lembrar a tres amigos e compañeiros falecidos recentemente: Manolo García, Idelfonso Antón e Manolo "Padín".
A cea celebrouse no restaurante "Chaido dos Latorre" en Portas cun grande éxito de asistencia, onde amigos e familiares recordaron o seu traballo e bo facer en favor dos veciños e veciñas de Portas.