20 de maio de 2017

BNG-Asembleas Abertas reclama a asunción de responsabilidades polas condenas xudiciais derivadas da desprotección a unha traballadora municipal

O luns ás 19:30 h. celébrase un pleno monográfico
Este luns, 22 de maio, ás 19:30 h. celebrarase un pleno extraordinario solicitado polo BNG-Asembleas Abertas para tratar de forma monográfica a situación creada polas sucesivas condenas xudiciais contra o concello de Portas como consecuencia da desprotección con “pleno coñecemento” dunha traballadora municipal que finalmente sufriu unha brutal agresión.
O grupo do BNG-Asembleas Abertas reclamará a Roberto Vázquez a asunción das responsabilidades que a día de hoxe segue negando e esixirá do alcalde transparencia, información e que deixe de defender ao seu socio de goberno.
O BNG-Asembleas Abertas solicitará que o concello inicie accións legais para reclamar responsabilidades patrimoniais ao exalcalde Roberto Vázquez, responsable directo da “inactividade ou pasividade” do concello que desembocou na agresión á traballadora municipal. O BNG-Asembleas Abertas non é partidario de xudicializar a vida política municipal, sen embargo, a incapacidade do goberno do PP de buscar solucións e a excepcionalidade da situación que está a poñer ao concello ao borde do colapso económico esixe adoptar medidas extraordinarias.

16 de maio de 2017

Pleno Extraordinario

O luns 22 de maio de 2017 ás 19:30 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello solicitado polo noso grupo municipal para tratar as consecuencias das condenas xudiciais contra o concello pola brutal agresión a unha traballadora social coa seguinte orde do día:

  1. Dar conta ao Pleno de todos os gastos aos que tivo que facer fronte o concello a data de celebración deste pleno extraordinario como consecuencia da agresión á traballadora.
  2. Notificar a Mónica Ferro Folgar o resultado real da votación do pleno de 23 de decembro de 2016.
  3. Adoptar accións legais para reclamar responsabilidades patrimoniais a Roberto Vázquez Souto como responsable da "inactividade ou pasividade" do concello en relación aos riscos aos que estivo sometida Mónica Ferro Folgar.






10 de maio de 2017

BNG-Asembleas Abertas reclama a asunción de responsabilidades polas condenas derivadas da desprotección a unha traballadora municipal

Solicitado un pleno monográfico para esixir explicacións

O BNG-Asembleas Abertas vén de presentar no rexistro do concello de Portas a solicitude dun pleno extraordinario para tratar de forma monográfica a situación creada polas sucesivas condenas contra o concello de Portas como consecuencia da desprotección con pleno coñecemento dunha traballadora municipal que finalmente sufriu unha brutal agresión.

Mónica Ferro Folgar, traballadora social contratada como persoal laboral fixo polo concello de Portas, foi brutalmente agredida o 2 de xullo de 2012, sendo alcalde Roberto Vázquez aínda no Partido Popular. Como consecuencia das lesións por este “accidente de traballo” foi declarada cunha invalidez permanente absoluta.

O 20 abril de 2016 o Xulgado do Social nº4 de Pontevedra condenou ao concello de Portas con recargo de prestacións dun 50% por desamparar con pleno coñecemento á traballadora con terribles consecuencias. O recargo do 50% é a máxima sanción posible por lei e dado que ten natureza punitiva non se pode facer cargo ningún seguro nin a Seguridade Social, que valorou este recargo en 183.693,50 €.

O 6 de marzo de 2017 a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestimou o recurso de suplicación do concello contra a sentenza anterior e condenouno en costas. O tribunal determinou que este era un “caso de meridiana inactividade ou pasividade” do concello en relación aos riscos aos que estivo sometida a traballadora.

O 23 de novembro de 2016 o xulgado do social nº2 de Pontevedra condenou ao concello de Portas a aboar a Mónica Ferro Folgar a suma de 47.000 euros en concepto de indemnización por aplicación do convenio colectivo do seu contrato, que era o da construción aínda sendo asistenta social, que establece que lle corresponde á traballadora o dereito a percibir esa cantidade no suposto de incapacidade permanente absoluta derivada de accidente de traballo. A sentenza foi recorrida polo concello.

O pleno municipal non foi informado da recepción de ningunha das tres sentenzas indicadas, nin da presentación dos recursos posteriores, nun intento por ocultar as consecuencias das neglixencias de Roberto Vázquez e dos erros cometidos na estratexia de defensa do actual goberno.

En outubro de 2016 a extraballadora presentoulle ao concello unha reclamación de indemnización por responsabilidade civil derivada de accidente de traballo por valor de 502.051,38 €. Esta petición foi rexeitada polo pleno municipal en decembro sen estudo e sen debate. Dados os antecedentes, o máis probable é que esta reclamación acabe en vía xudicial con graves consecuencias para as arcas municipais.

Ningún responsable do goberno municipal ten asumido algún tipo de responsabilidade, nin no momento da agresión, nin posteriormente, nin actualmente. Roberto Vázquez segue sendo concelleiro e socio do actual grupo de goberno.

BNG-Asembleas Abertas reclama a asunción de responsabilidades de Roberto Vázquez e esíxelle ao alcalde que deixe de defender ao seu excompañeiro de partido e proporcione toda a información do caso.

O BNG-Asembleas Abertas nunca foi partidario de xudicializar a vida política municipal, sen embargo, a incapacidade do goberno do PP de buscar solucións e a excepcionalidade da situación que está a poñer ao concello ao borde do colapso económico esixe adoptar medidas extraordinarias. O concello debe iniciar accións legais para reclamar responsabilidades patrimoniais ao exalcalde Roberto Vázquez, responsable directo da “inactividade ou pasividade” do concello que desembocou na agresión á traballadora municipal.


Solicitude de pleno extraordinario

Consecuencias das condenas xudiciais contra o concello pola brutal agresión a unha traballadora municipal



8 de maio de 2017

O concello de Portas condenado a aboar outros 47.000 euros a unha extraballadora social

O contrato da asistenta social estaba sometido ao convenio colectivo da construción e non ao de oficinas e despachos

O 23 de novembro de 2016 o concello de Portas foi condenado en sentenza nº 401/16 do xulgado do social nº 2 de Pontevedra a aboar a Mónica Ferro Folgar a suma de 47.000 euros en concepto de indemnización por aplicación do convenio colectivo da construción, que establece que lle corresponde á traballadora o dereito a percibir esa cantidade no suposto de incapacidade permanente absoluta derivada de accidente de traballo. A sentenza foi recorrida polo concello.

Mónica Ferro Folgar, traballadora social contratada como persoal laboral fixo polo concello de Portas, foi brutalmente agredida o 2 de xullo de 2012, sendo alcalde Roberto Vázquez aínda no Partido Popular. Como consecuencia das lesións por este “accidente de traballo” foi declarada cunha invalidez permanente absoluta. Distintas sentenzas xudiciais determinaron que este é un “caso de meridiana inactividade ou pasividade” do concello en relación aos riscos aos que estivo sometida a traballadora polo que o concello foi condenado en firme cunha sanción de 183.693,50 € e pago de costas. O concello de Portas con pleno coñecemento desamparou á traballadora con terribles consecuencias.

Se o convenio colectivo de referencia do contrato asinado entre ambas partes fose o de “oficinas e despachos” e non o da “construción”, como parece máis lóxico, os efectos económicos para as arcas municipais serían moi inferiores.

A pesares de todo, ningún responsable do goberno municipal ten asumido algún tipo de responsabilidade, nin no momento da agresión, nin posteriormente, nin actualmente. Roberto Vázquez segue sendo concelleiro e socio do actual grupo de goberno.

Nun intento por ocultar as consecuencias das neglixencias do seu excompañeiro de partido, o goberno municipal do PP non informou á oposición da existencia desta sentenza xudicial nin da presentación do recurso de suplicación posterior.

BNG-Asembleas Abertas esixe a dimisión de Roberto Vázquez Souto e a súa retirada da vida política, demanda transparencia do goberno municipal do PP e pídelle explicacións polas decisións tomadas que teñen agravado as consecuencias do “accidente laboral”.


25 de abr. de 2017

Pleno Ordinario

O venres 28 de abril de 2017 ás 20:40 h. celebrarase un pleno ordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión extraordinaria do 03/03/2017.
  2. Aprobación da acta da sesión extraordinaria do 24/03/2017.
  3. Aprobación pago sentenza procedemento de orixe Seguridade Social 0000266/2015 (Mónica Ferro Goldar).
  4. Dación de conta dos Decretos e Resolucións da Alcaldía.
  5. Informe da Presidencia.
  6. Plan Concellos 2017 - Solicitudes e Resolucións.
  7. Informe Período Medio de Pago 1T - 2017.
  8. Rogos e preguntas.



19 de abr. de 2017

Convocatoria da asemblea aberta de Portas

O venres 21 de abril ás 21:30 h. celebrarase unha asemblea aberta no Centro Cultural de Romai. Asuntos a tratar:

  • Aprobación novo boletín informativo.
  • Sentenzas xudiciais condenatorias contra o concello de Portas.
  • Organización andaina e comida campestre.
  • Asuntos varios.

Como sempre están convidad@s tod@s @s simpatizantes e amig@s.