11 de maio de 2009

O concello de Portas incumpre unha sentenza xudicial

Pleno Extraordinario para pagar unha débeda de hai 4 anos
Mañá, martes 12 de maio ás 14:50 h., celebrarase un pleno extraordinario na casa do Concello de Portas cun polémico punto da orde do día: “Aprobación pago a empresa Varela Villamor”.
Nos anos 2004 e 2005, a empresa construtora Varela Villamor realizou uns traballos de rehabilitación no edificio da Azucreira de Portas, froito dun convenio coa Xunta de Galicia. O concello, gobernado entón e agora polo Partido Popular, recepcionou as obras o día 11 de agosto de 2005, pero negouse a pagarlle á empresa as últimas certificacións por valor de máis de 84 millóns das antigas pesetas, a pesares de que posteriormente o concello seguiu recibindo puntualmente da Xunta todos os cartos comprometidos do convenio asinado.
A empresa construtora demandou ao concello por impago, e obtivo unha sentenza xudicial favorable o día 25 de marzo de 2008, pola cal o concello de Portas lle tiña que pagar a cantidade de 507.465,47 €, máis os intereses correspondentes (recurso 41/07 do xulgado contencioso-administrativo nº 3 de Pontevedra).
Catro anos despois de feitas as obras e máis dun ano despois de publicada a sentenza xudicial, o concello de Portas segue sen liquidar a débeda. Sorprendente situación, tendo en conta o contexto de grave crise económica, especialmente no eido da construción, e máxime cando o Alcalde debería estar especialmente sensibilizado, pois tamén é empresario do sector.
No pleno extraordinario de mañá, o grupo de goberno do Partido Popular pretende aprobar o pago, esquivando con artimañas a súa tramitación correcta a través dos orzamentos municipais, que a mediados de maio seguen sen aprobarse.

O Bloque Nacionalista Galego de Portas denuncia a inxustificable actitude do grupo de goberno do Partido Popular que non asume dende hai 4 anos unha débeda coa empresa construtora Varela Villamor, a pesares de ter recibido da Xunta de Galicia subvencións para o pago dos traballos, e unha sentenza xudicial de marzo de 2008 desfavorable para os intereses municipais.

Ningún comentario: