19 de out. de 2009

O xuíz admite unha querela contra o alcalde por presuntas irregularidades nas contratacións

O Xulgado de Instrución número 1 de Caldas admitiu a trámite unha querela criminal contra Roberto Vázquez Souto, alcalde de Portas, por presuntas irregularidades na contratación de obras por parte do Concello que, supostamente, beneficiaban á súa familia.
Os feitos remóntanse ao ano 2000 cando todos os grupos da oposición municipal acordaron por unanimidade presentar unha querela criminal contra o rexedor por “autocontratación con empresas propias e da súa familia” e por “fraude ao Concello, facturación dobre e falsidade”, segundo expón a acusación no auto xudicial.
No escrito do fiscal especifícase que “a empresa Comercial Chandouteiro SL ten como únicos socios aos fillos do acusado e que a súa esposa sería a administradora. Remarca que esta firma realizou, por conta do Concello, traballos na escola taller de Portas emitindo varias facturas que foron abonadas polo Concello”. Indica así mesmo que “esta empresa emitiu outras 9 facturas ao Concello por distintas obras que aínda non foron aprobadas nin abonadas”.
Noutro apartado expón que “o acusado é presidente do consello de administración e conselleiro delegado da sociedade Comercial Vázquez Vázquez, e aínda que esta sociedade non contratou directamente co Concello de Portas, si o fixo indirectamente para realizar a recollida de lixo do Concello durante os meses de agosto, setembro e outubro de 1998, contactando co representante de transportes Antonio, quen, á súa vez, contratou para o indicado cometido a un empregado das empresas Chandouteiro e Comercial Vázquez, e despois de facturarlle ao Concello entregaba as cantidades obtidas a Comercial Vázquez”.
Por estas cuestións, o fiscal pide a pena de 10 meses de multa cunha cota diaria de 30 euros e dous anos de suspensión de cargo público. Tamén existe unha acusación particular que elevaría a pena a 24 meses de multa de 50 euros diarios e a inhabilitación para ostentar cargo público durante once anos.
Nova publicada no Diario de Arousa do 18 de outubro de 2009.

Ningún comentario: