25 de mar. de 2010

O BNG denuncia a parálise do Concello de Portas

O Alcalde non convoca plenos dende hai 3 meses
A última sesión que celebrou o Pleno do Concello de Portas data do pasado luns 28 de decembro de 2009. Dende entón o Alcalde (PP) non convocou ningunha sesión, nin ordinaria nin extraordinaria, incumprindo a lei de Bases de Réxime Local, e o acordo plenario de 13 de xuño de 2007 que establecía a periodicidade dos plenos ordinarios cada 2 meses, cuestión que daquela o Partido Popular impuxera coa súa maioría absoluta.
Estes últimos tres meses, onde non se reuniu o Pleno Municipal, estiveron marcados pola celebración do xuízo contra o alcalde Roberto Vázquez por autocontratación das súas empresas dende o Concello, atopándose agora á espera de sentenza.
A non convocatoria de plenos responde exclusivamente a unha estratexia política marcada dende o Partido Popular, que pretende evitar a exposición pública do Alcalde, e o desgaste que lle poida producir unha sentenza desfavorable, impedindo de paso a función de control e fiscalización da oposición.
Mentres os problemas xudiciais dos cargos locais do Partido Popular se dilucidan, o Alcalde de Portas atópase desaparecido, provocando que o Concello se bloquee. Ao caos organizativo xerado por 18 anos de goberno do PP, engádeselle agora a falla dunha cabeza visible que tome decisións, provocando a parálise do Concello, que ademais se atopa ao borde do colapso económico, con numerosísimas débedas a institucións, provedores, empresas e incluso persoal.
O Bloque Nacionalista Galego denuncia a situación de parálise do Concello de Portas, provocada pola mala xestión e unha estratexia política do Partido Popular que antepón os seus intereses electorais ás necesidades da cidadanía, e esixe a convocatoria inmediata dun pleno ordinario.

Ningún comentario: