AUSENCIA DE TRANSPARENCIA E TRATO DE FAVOR A DIRIXENTES DO PARTIDO POPULAR DE PORTAS
O goberno municipal do Partido Popular adxudicou mediante
procedemento negociado sen publicidade
un contrato de subministro de maquinaria por valor de 35.605,60 € a Rafael
Seijo Rodríguez (Seymos Maquinaria Agrícola S.L.), secretario de organización
do Partido Popular de Portas e candidato en sétima posición nas últimas
eleccións municipais.
Antes de iniciarse o procedemento negociado para a adxudicación do contrato de 35.600 euros o BNG-Asembleas Abertas solicitou en Pleno (xuño de 2016) que o método de adxudicación fose aberto, ou no seu defecto que fose negociado con publicidade, de modo que calquera empresa puidese presentar oferta libremente. O PP negouse.
As características técnicas esixidas para a maquinaria a subministrar, detalladas no prego de prescricións técnicas, coinciden con extrema puntualidade coas características técnicas de máquinas específicas do catálogo dunha marca concreta.
O goberno municipal invitou a catro empresas a presentar
ofertas, coa coincidencia de que as catro son distribuidoras oficiais da marca
Husqvarna. Tres das catro empresas convidadas presentaron oferta e todas as
máquinas dos tres orzamentos son idénticas: 3 desbrozadoras Husqvarna 545RX,
soprador Husqvarna 570BTS, hidrolimpadora Benza 200/15 4R, motoserra Husqvarna
550XP, motoserra Husqvarna T540XP, desbrozadora para tractor Becchio & Mandrile
BR180 con cardan, corredeira e acoplamento, rider Husqvarna P524 máis
desbrozadora de impacto e cepillo rotativo, e cortacéspede Husqvarna LB 553S.
A apertura dos sobres coas ofertas recibidas non foi
anunciada e realizouse sen público presente. Á apertura das ofertas nin se convidou
ás empresas nin a membros da oposición.
Se non hai nada que
ocultar, por que esta falta intencionada de transparencia?
BNG-Asembleas Abertas non lle nega o dereito a Seymos ou
a calquera outra empresa a ofrecer os seus servizos e recibir contratos por
parte do concello de Portas, pero si esiximos transparencia, publicidade e
igualdade de oportunidades para todos.
BNG-Asembleas Abertas demanda que todas as
adxudicacións de obras, servizos ou subministracións de certa entidade se
realicen mediante procedementos abertos, transparentes e de libre concorrencia que ademais de fomentar a
competencia e resultar máis vantaxosos economicamente para o concello, evitan
as actuacións caciquís.
Ningún comentario:
Publicar un comentario