Víctor Estévez oculta o pago de 184.000 € por unha neglixencia de Roberto Vázquez que non asume responsabilidades
O pasado venres 3 de marzo celebrouse un pleno
extraordinario no concello de Portas no que se aprobaron os orzamentos de 2017
co voto en contra do BNG-Asembleas Abertas (3) e o voto favorable de PP (4) e
VUP (4). Os orzamentos foron consensuados entre PP e VUP, partido do que fora alcalde
popular durante 23 anos, e sen embargo, o grupo de goberno non mantivo ningún
tipo de contacto co BNG-AA.
Este acordo entre PP e VUP que se leva forxando dende hai
meses non se limita só ao orzamento deste ano, senón que inclúe tamén o PXOM. A
cambio do apoio de VUP aos orzamentos, o Partido Popular comprometeuse a 1º aprobar
o PXOM sen modificar unha coma do documento que Roberto Vázquez deixara
redactado e que tanta contestación social concitara, e 2º a ocultar debaixo das
alfombras as numerosas irregularidades detectadas da anterior etapa.
O orzamento aprobado contempla un primeiro pago de
184.000 euros para facer fronte a unha sentenza de abril de 2016 pola cal o
concello foi condenado por desprotexer á asistenta social que finalmente fora
brutalmente agredida en 2012. A desprotección da empregada municipal foi
consecuencia da inacción consciente do ex-alcalde Roberto Vázquez, que sen
embargo non asume ningún tipo de responsabilidade, e cuxas consecuencias trata
agora de ocultar o seu sucesor, Víctor Estévez.
BNG-Asembleas Abertas cualifica este orzamento de antisocial,
aprobado sen participación veciñal, mantén unhas taxas desmesuradas a pesares
das promesas de rebaixa e sen embargo non atende ningunha das necesidades máis
urxentes da cidadanía. Mentres se incrementan as partidas de dietas (+4.500€),
atencións protocolarias (+4.000€), subvencións nominativas ou festas, prevese aumentar
o endebedamento coa subscrición dun novo préstamo bancario por valor de 80.000
euros aos que hai que engadir os 55.000 euros xa destinados do Plan Concellos
ao pago de débeda e gasto corrente.
BNG-Asembleas Abertas
denuncia a viraxe radical do Partido Popular pactando
con aquelo que dicían deostar apenas hai un ano para buscar a reunificación do
partido a tres semanas do seu congreso local, aínda que supoña o incumprimento absoluto
dos seus compromisos electorais como é o caso de consensuar o Plan Xeral de Urbanismo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario