O alcalde terá que dar explicacións nun pleno extraordinario
O BNG-Asembleas Abertas ven de presentar no rexistro do
concello de Portas unha solicitude de pleno extraordinario para que o alcalde
dea explicacións por tardar 22 días en facer efectiva a paralización dunhas
obras ilegais en zona de protección de Patrimonio.
O 14 de xullo pasado o BNG-Asembleas Abertas denunciou no
concello que se estaban a realizar obras no entorno protexido da igrexa de
Santa María de Portas sen licenza municipal nin a preceptiva autorización
previa de Patrimonio. As obras consistían en importantes movementos de terra
coa intención de construír un muro de cachotes ao pé da igrexa, do cemiterio e incluso
preto dun pombal.
As obras continuaron impunemente ate polo menos o 5 de
agosto coa total complicidade do goberno municipal que, mediante unha sorte de
prórroga arbitraria, permitiu que a empresa seguise agrandando o dano causado.
O alcalde deberá explicar por que se tardaron 22 días en
paralizar unhas obras ilegais que se ven perfectamente dende as oficinas
municipais e a escasos metros da súa propia casa ou que nin sequera tomase
medidas cautelares como esixían os técnicos municipais. 8 días para un informe
da arquitecta municipal, 3 días para o informe do secretario, 4 días entre a
sinatura da orde de paralización e a comunicación aos infractores e polo menos
7 días máis de traballos incumprindo a orde de paralización.
O voceiro do grupo municipal, Santiago Carballo, pediu
explicacións no primeiro pleno posible, o celebrado o 1 de setembro, sen
embargo, o alcalde negouse a responder remitíndonos a unha contestación por
escrito que mes e medio despois seguimos agardando. O BNG-Asembleas Abertas non
cesará ata que o alcalde dea explicacións convincentes por este trato de favor
ou dimita.
BNG-Asembleas Abertas
reclama respostas, repoñer a legalidade urbanística e que os feitos se poñan en
coñecemento dos organismos competentes para dirimir as responsabilidades que
puider dar lugar por esta desfeita en terreos protexidos. A igrexa de Santa
María de Portas ten sufrido máis agresións nos últimos 25 anos que nos
anteriores 8 séculos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario