O BNG denuncia que o PP quere financiar a súa campaña electoral con cartos municipais
O venres 26 de outubro o Partido Popular de Portas presentou ao
seu candidato para as vindeiras eleccións municipais de 2019 nun acto en
Portadeconde apadriñado polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda.
Xusto unha semana despois, o venres 2 de novembro publicouse no
Boletín Oficial de Pontevedra o recoñecemento da dedicación exclusiva ao
concelleiro do PP, D. Ricardo Martínez Chantada, quen é o candidato do PP a
substituír na alcaldía a Víctor Estévez.
Con este soldo de 35.500 euros/ano, un simple tenente de
alcalde de Portas cobra máis que alcaldes de concellos limítrofes máis grandes
e poboados como o de Barro (30.300 euros/ano), o de Cuntis (30.900 euros/ano) ou
a alcaldesa de Moraña (34.500 euros/ano). Incumprindo ademais o programa
electoral co que se presentaron ás eleccións de 2015, no que se comprometían
explicitamente a non recibir retribución algunha pola dedicación ao concello.
Así actúa o PP, mercando vontades e persoas, con desprezo ás institucións, mesmo no caso do seu candidato, presentado nun acto que se celebrou o mesmo día e á mesma hora na que se tiña que celebrar o Pleno Ordinario da corporación municipal do mes de outubro por acordo plenario. Dúas semanas despois o pleno aínda non
se convocou.
O Partido Popular parasita as institucións e úsaas ao seu antollo
e conveniencia, incumprindo acordos plenarios para substituír reunións do Pleno
por actos partidistas, e poñéndolle un soldo municipal ao seu candidato para
que se dedique a preparar a campaña electoral. Mostras da forma caciquil de
entender a democracia do Partido Popular, na que antepoñen sen complexos os
intereses de partido aos da veciñanza.
O BNG-Asembleas Abertas considera antidemocrático que
o Partido Popular use as institucións ao seu antollo e conveniencia saltándose
as leis e os acordos plenarios e denuncia o uso que o Partido Popular fai dos
cartos públicos para financiar a súa campaña electoral a tempo completo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario