20 de out. de 2020

Moción en Demanda de Melloras nos Centros Educativos do Concello para paliar os efectos da COVID-19

Na actualidade estamos a sufrir unha terrible pandemia que está obrigando a tomar medidas excepcionais en todos os ámbitos, e lamentablemente as previsións máis optimistas consideran que esta excepcionalidade vai manterse durante un longo período de tempo.
No inicio do curso 2020-2021 as autoridades educativas impuxeron nos centros educativos de todos os niveis uns estritos protocolos, sen consenso, con improvisación e sen considerar as peculiaridades e limitacións de cada centro, o que está a producir graves dificultades para o seu cumprimento e o desenvolvemento eficaz da labor educativa. Con todo, o traballo de toda a comunidade educativa para sobrepoñerse á adversidade provocada pola pandemia da COVID-19 está sendo encomiable.
Ante a perspectiva de que os efectos da pandemia perduren durante moitos meses, o grupo municipal do BNG considera necesario levar a cabo algunhas actuacións nos centros educativos do concello de xeito inmediato:
  • construción moi urxente dun novo patio cuberto no CPI Domingo Fontán, que serva á vez de lugar resgardado do alumnado durante a espera para subir aos autobuses na saída da xornada escolar e de patio de xogos para os días de choiva, dado que os actuais espazos cubertos do centro son insuficientes para manter separados os “grupos burbulla” nos recreos,
  • colocación dunha dobre porta na entrada da escola infantil da Azucreira, para evitar que cada vez que acceda un pai ou nai a traer ou levar un neno ou nena se produzan correntes de aire e a conseguinte perda de calefacción,
  • melloras nas Escolas Unitarias de Romai e Lantaño, con substitución das portas, marcos, mobiliario e restantes elementos de madeira que están deteriorados, ademais do remate das obras improvisadas e incompletas levadas a cabo na Escola de Romai cando xa se iniciara o presente curso,
  • renovación dos baños da parte vella do CPI Domingo Fontán durante o próximo período de vacacións de verán de 2021.
É por isto que presenta esta moción e solicita o voto favorable do Pleno da Corporación municipal de Portas para a adopción dos seguintes:
ACORDOS

  • realizar os trámites oportunos moi urxentes para a construción inmediata dun novo patio cuberto no CPI Domingo Fontán,
  • colocar unha segunda porta na entrada principal da Escola Infantil da Azucreira,
  • cambiar os elementos deteriorados de madeira das Escolas Unitarias de Lantaño e Romai,
  • renovar os baños do CPI Domingo Fontán.




Ningún comentario: