24 de nov. de 2015

O Concello de Portas colabora con espectáculos sexistas

BNG-ASEMBLEAS ABERTAS EN CONTRA DA VIOLENCIA DE XÉNERO
O grupo municipal do BNG-Asembleas Abertas non asistirá á lectura do manifesto do goberno municipal do concello de Portas polo 25N Día internacional da loita contra a violencia de xénero en protesta pola súa colaboración en espectáculos sexistas e a súa negativa a condenalos.
Entre as actividades organizadas na “VII Concentración Mototurística Portas 2015”, o día 18 de xullo ás 18:00h. realizouse un “lavado de motos” en presenza de menores, en instalacións do concello (finca da Azucreira) e con financiación municipal (968€ en concepto de aluguer de equipo de son).
No pleno extraordinario celebrado o sábado pasado 21 de novembro, e que fora solicitado polo BNG-Asembleas Abertas, debateuse unha moción na que se reclamaba pedir desculpas públicas por ter colaborado con esta denigrante exhibición sexista, así como evitar futuras colaboracións en actos similares. O alcalde, Víctor Estévez, argumentou textualmente: “A min persoalmente non me parece sexista eso”, despois de explicar que non tiña coñecementos suficientes para saber o que é sexista e o que non, e de acusar ao BNG-Asembleas Abertas de inquisidor. O Partido Popular votou en contra da moción e VUP abstívose.
O Partido Popular opúxose a: “negar calquera tipo de colaboración presente ou futura con organizacións, asociacións ou persoas que organicen, fomenten, faciliten ou consintan espectáculos sexistas”.
Con anterioridade o primeiro tenente de alcalde, Ricardo Martínez, comparara un “lavamotos” cunha muller facendo topless na praia. Este é o nivel.
O BNG-Asembleas Abertas, comprometido en contra de todas as violencias machistas, non asistirá á lectura do manifesto do goberno municipal de Portas polo 25N, pois considera incompatible non condenar e incluso colaborar con actos sexistas, mentres de cara á galería se di que se loita contra a violencia de xénero.



23 de nov. de 2015

Lotaría do nadal 2015-2016

Temos á venda lotaría do nadal, se alguén está interesado/a podedes poñervos en contacto persoalmente con calquera dos membros do grupo municipal do BNG-Asembleas Abertas de Portas, ou a través do noso correo electrónico, blog ou páxina de Facebook.


18 de nov. de 2015

Pleno Extraordinario solicitado polo BNG-Asembleas Abertas

O sábado 21 de novembro de 2015 ás 16:00 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello solicitado polo BNG-Asembleas Abertas coa seguinte orde do día:
  1. Situación do concello no inicio da actual lexislatura.
  2. Contra da colaboración do concello en espectáculos sexistas.
  3. Local de reunión para os grupos políticos na casa do concello.
  4. Ubicación do grupo municipal do BNG-Asembleas Abertas na esquerda do salón de plenos.
  5. Construción dunha pista multideporte en Briallos.
  6. Marcha estatal contra as violencias machistas de 7 de novembro de 2015.
  7. Sorteo mesas electorais - Eleccións xerais 2015.


Trataranse as mocións que presentamos en tempo e forma para o pleno ordinario do 30 de outubro pero que o goberno municipal decidira unilateralmente non incluír na orde do día.

13 de nov. de 2015

Convocatoria Extraordinaria da "Comisión informativa de asuntos a tratar polo pleno"

O martes 17 de novembro de 2015 ás 20:30 h. celebrarase unha reunión extraordinaria da "comisión informativa de asuntos a tratar polo pleno" na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Situación do Concello no inicio da actual lexislatura.
  2. Contra da colaboración do concello en espectáculos sexistas.
  3. Local de reunións para os grupos políticos na Casa do Concello.
  4. Ubicación do grupo municipal do BNG-Asembleas Abertas na esquerda do salón de sesións.
  5. Construción dunha pista multideporte en Briallos.
  6. Marcha estatal contra as violencias machistas do 7 de novembro de 2015.
O Pleno Extraordinario solicitado polo grupo municipal de BNG-Asembleas Abertas celebrarase o sábado 21 de novembro.


27 de out. de 2015

Pleno Ordinario

O venres 30 de outubro de 2015 ás 19:30 h. celebrarase un pleno ordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación acta sesión anterior.
  2. Coñecemento da composición da Comisión Informativa de asuntos a tratar polo pleno.
  3. Informes da Presidencia.
  4. Coñecemento resolucións da Alcaldía.
  5. Rogos e preguntas.

Non se convocou a "Comisión Informativa de asuntos a tratar polo pleno", polo que o pleno está completamente baleiro de contido. Os asuntos que se traen a pleno foron decididos única e exclusivamente pola Alcaldía, en contra dos seus propios compromisos. Nin se incluíron na orde do día as mocións presentandas polo BNG-Asembleas Abertas, nin se cumpren os acordos do pleno ordinario de agosto.
O "diálogo" do que presume o Alcalde, na realidade redúcese a facer o que el decide en MINORÍA sen consultarllo a ninguén. A proba máis clara é que neste pleno ordinario o único que se vai a poder votar é a aprobación da acta da sesión anterior, o resto son puntos informativos ou de preguntas pero nos que non se vota nada.

24 de out. de 2015

Solicitude de pleno extraordinario


O alcalde non cumpre o seu compromiso de convocar a "Comisión informativa de asuntos a tratar polo pleno" unha semana antes do pleno ordinario

O BNG-Asembleas Abertas ven de presentar no rexistro do concello a solicitude dun pleno extraordinario para que as mocións que ten presentado no último mes sexan sometidas á corporación municipal.

No pleno ordinario de agosto a corporación aprobou por unanimidade e a petición do grupo municipal do BNG-Asembleas Abertas a creación dunha "Comisión Informativa de asuntos a tratar polo pleno". O compromiso do novo goberno municipal foi a de celebrar unha reunión desta comisión unha semana antes de cada pleno ordinario (o venres anterior e á mesma hora de cada pleno ordinario).

O próximo venres 30 de outubro ás 19:30 h. está previsto que se celebre un pleno ordinario, polo que segundo o compromiso do goberno municipal, o venres 23 de outubro ás 19:30 h. debería terse celebrado unha reunión da Comisión informativa de asuntos a tratar polo pleno, sen embargo, nin se celebrou nin ninguén do goberno se puxo en contacto co grupo municipal do BNG-Asembleas Abertas para advertir de tal circunstancia ou do motivo da non celebración.

O BNG-Asembleas Abertas considera o comportamento do goberno municipal incompatible cos compromisos adquiridos e as promesas de diálogo e entendemento, polo que se ve obrigado a solicitar un pleno extraordinario, ao abeiro da lexislación vixente, para garantir que as súas mocións son sometidas ao pleno da corporación.










Moción con motivo da Marcha Estatal contra As Violencias Machistas


En nome da Plataforma Feminista Galega (PFG), o BNG-Asembleas Abertas presenta unha moción no concello de Portas con motivo da Marcha Estatal contra as Violencias Machistas de 7 de novembro de 2015.
Erradicar a lacra das violencias machistas depende de todos e todas.