O asunto máis polémico foi a solicitude do BNG para que o grupo de goberno do PP elaborase unhas bases reguladoras de concesión de subvencións, para evitar a concesión discrecional de axudas a asociacións e comisións de festas. Nunha esquizofrénica actuación, o grupo de goberno do PP votou en contra, a pesares de saber que sen estas ordenanzas municipais estase incumprindo a Lei Xeral de Subvencións (38/2003, do 17 de novembro), xustificando a súa postura en que non son necesarias pois as subvencións xa se conceden con “sentido común”. O Alcalde de Portas seguirá repartindo subvencións caciquilmente sen render contas a ninguén.
As outras iniciativas do BNG a debate foron aprobadas por unanimidade: creación dun punto limpo, colocación de espellos convexos para a mellora da seguridade viaria nalgúns cruces e remisión de copias das actas das sesións da xunta de goberno. Sen embargo, o BNG teme que estes acordos sexan papel mollado, e non se leven a cabo como xa sucedeu en numerosas ocasións. Tamén se puxo en evidencia a falla de ideas do goberno municipal para solucionar vellos problemas da cidadanía.