Exposición
razoada do voceiro do grupo municipal, Santi Carballo, no pleno extraordinario
de 22 de maio no que solicitamos a adopción de medidas legais para reclamar
responsabilidades a Roberto Vázquez polas consecuencias das condenas xudiciais
contra o concello pola brutal agresión á asistenta social, Mónica Ferro.
En primeiro lugar convén poñerse en contexto e lembrar o que acontecía no
concello nos meses inmediatamente anteriores á agresión (2 de xullo de 2012):
1.
Situación
económica límite do concello:
· En maio de 2011 o PP revalida a maioría
absoluta ocultando centos de miles de euros de débedas con Sogama e Fenosa
(cortes de luz en instalacións municipais por non pagamento) e outros centos de
miles de euros en centos de facturas nos caixóns.
· En agosto de 2011 as arcas municipais
están tan baleiras que se cancela a festa da emigración despois de sete
edicións, cancélase o espectáculo musical da festa do galo e a comida do galo pasa
a ser de pago.
· En outubro de 2011 por primeira vez se
limita a idade para a festa da terceira idade e se esixe reserva previa.
· A finais de 2011 o PP aproba unha brutal
suba de taxas para aliviar a situación económica, pero os efectos na recadación
non se empezan a notar ata mediados de 2012 (entrada en vigor o 1 de xaneiro de
2012).
· En marzo de 2012 o concello vese obrigado
a entrar no plan de pago a provedores do Ministerio de Facenda, pasando a ser
un concello intervido na práctica. Formalízase un crédito para pagar centos de
facturas, pero moitas seguiron ocultas nos caixóns e aínda hoxe seguen
aparecendo.
2.
Situación
xudicial límite do alcalde:
· A finais de 2011 aparecen nos xornais
noticias da imputación por fraude fiscal e falsificación documental.
· En marzo de 2012 publícase que Roberto Vázquez
busca un acordo coa fiscalía para evitar o cárcere.
· En abril e maio aparecen noticias de forma
continua en todos os xornais de que se ultima un acordo entre Roberto Vázquez e
fiscalía.
· O domingo 1 de xullo varios medios publican
a advertencia de Alfonso Rueda de que expulsará a Roberto Vázquez do PP se
incorre en delito fiscal.
· O luns 2 de xullo prodúcese a agresión á
asistenta social.
· O martes 3 de xullo todos os membros do
grupo popular do concello de Portas solicitan a baixa temporal no PP.
· En agosto Roberto Vázquez recoñece fraude
fiscal e falsificación e é condenado.
3.
Acordo
extraxudicial cun empregado do concello por accidente laboral:
· En xullo de 2004 un empregado municipal
sofre un grave accidente laboral nunha escola-obradoiro de carpintería
organizada polo concello.
· O concello non tiña o plan obrigatorio de
riscos laborais nin contratara o seguro obrigatorio de responsabilidade
patronal dos empregados da escola-obradoiro, é dicir, estaban sen asegurar.
· En 2008 a Inspección de Traballo imponlle
unha multa de 15.200€ ao concello por este accidente.
· O 17 de febreiro de 2012, a punto de
celebrarse o xuízo oral, o alcalde asina un acordo extraxudicial para evitar as
responsabilidades penais pagando moito máis do que o lesionado solicitaba por
vía xudicial.
· O acordo extraxudicial supuxo o pago a
cargo das arcas municipais de 90.000€ máis intereses. Sen contar os gastos dos
avogados.
· No acordo asinado lese textualmente: “o
Concello de Portas recoñece expresamente a súa responsabilidade directa no
accidente sufrido por D. Miguel Cores Alfonsín”, que é “empregado
do Concello de Portas”.
· Este acordo de 2012 evidencia que o alcalde
sabía perfectamente por aquel entón que como xefe de persoal estaba obrigado a
adoptar todas as medidas en materia de riscos laborais necesarias para todos os
empregados municipais.
4.
Situación
de acoso límite da asistenta social:
· Durante os meses previos á agresión a
asistenta social sufriu continuas ameazas, insultos, pinchazos das rodas do seu
coche, pintadas ameazantes na casa consistorial, discusións a gritos no
despacho municipal con usuarios dos servizos sociais e co alcalde, ... De todo
era plenamente coñecedor o alcalde.
· O 2 de abril de 2012 o alcalde ábrelle un
expediente disciplinario á asistenta social.
· O 2 de xullo de 2012 prodúcese a agresión
con consecuencia de invalidez permanente absoluta.
· O autor da agresión foi condenado a catro
anos de cárcere.
Debido á non adopción de medidas de seguridade por parte do concello para
protexer á asistenta social cando tiña pleno coñecemento de que estaba sendo
ameazada, o concello foi condenado ata o momento en tres sentenzas diferentes e
agárdanse máis:
· Sentenza 1: 20 de
abril de 2016 – Xulgado do social nº4 de Pontevedra.
· Declara o dereito da traballadora a obter
un incremento nun 50% das prestacións de incapacidade temporal e de invalidez
devengadas (recargo do 50% de prestacións, é dicir, cobrar un 50% máis de
pensión), por incumprimento das medidas de seguridade.
· Extracto literal da sentenza: “Rexeite
polo Concello do traballo que realizaba a actora ata o punto de desautorizala e
desprotexéndoa fronte a un risco que era previsible e puido terse evitado”.
· Extracto literal da sentenza referíndose ao
desacordo existente respecto dalgúns beneficiarios do servizo de axuda no fogar:
“tal
cuestión era coñecida e podería dicirse que tolerada polo Concello. Do que pode
colexirse que, tendo coñecemento e, consecuentemente, podendo efectuar un xuízo
de previsibilidade de forma bastante sinxela por parte do Concello demandado,
resulta claro que o mesmo como empregador da traballadora estaba en situación
de garante e debía ter actuado protexendo a aquela, de modo que neutralizase
ou, a lo menos, minimizase, a posibilidade de que aquela sufrira represalias
polo seu actuar. E NADA FIXO”.
· Extracto literal da sentenza respecto das
pintadas ameazadoras que apareceron na fachada da casa do concello cando a
Garda Civil se ofrece ao alcalde: “que declinou o ofrecemento de denuncia,
mantendo que se limparan e nada máis”.
· Extracto literal da sentenza: “Ningunha
dúbida ten esta xulgadora de que o Concello de Portas tiña pleno coñecemento de
que a traballadora social estaba recibindo ameazas e insultos como consecuencia
da labor realizada pola mesma”.
· Extracto literal da sentenza respecto dos
desacordos entre asistenta social e alcalde que “pretendía interferir en relación
á forma de conceder as axudas RISGA”.
· A valoración económica da sentenza por
parte da Seguridade Social foi de 183.693,50€. Cantidade xa pagada polo
concello.
· Sentenza 2: 6 de
marzo de 2017 – Sala do social da Coruña do Tribunal Superior de Xustiza (tres
xuíces por unanimidade).
· Desestima o recurso de suplicación do
Concello con condena en costas, confirmando a sentenza de instancia (sentenza
1).
· Extracto literal da sentenza: “A
graduación nun 50% (porcentaxe máxima) é axustada á gravidade da conduta da
empregadora”.
· Extracto literal da sentenza: “Non
nos atopamos ante un suposto de indebida ou defectuosa execución de
determinadas medidas de prevención, senón ante un caso de meridiana
inactividade ou pasividade da empregadora en relación ao risco referido”.
· Extracto literal da sentenza respecto ao
recargo de prestacións: “ten carácter sancionador”, é dicir,
é unha sanción ou multa por incumprimento da normativa en materia de riscos
laborais.
· Extractos literais da sentenza: “Dada
a súa natureza punitiva é de aplicación personalísima”, “non
pode ser desprazada” a “terceiros”, é dicir, non se pode
facer cargo nin a Seguridade Social nin un seguro.
· Sentenza 3: 23 de
novembro de 2016 – Xulgado do social nº2 de Pontevedra.
· Condena ao Concello de Portas a aboar
47.000€ á extraballadora, en concepto de indemnización por aplicación do
convenio colectivo da construción que concede esa indemnización por
incapacidade permanente absoluta derivada de accidente de traballo. É
incomprensible que o contrato da asistenta estivese sometido ao convenio da
construción.
· O concello carece da obrigatoria póliza de
seguro de convenio, o cal é unha actuación neglixente moi grave, máxime tendo
en conta o precedente do accidente da escola-obradoiro de 2004, con acordo
extraxudicial de febreiro de 2012.
Está pendente de resolución xudicial a reclamación da extraballadora da
indemnización por responsabilidade civil derivada de accidente de traballo (reclama
502.051,38€).
· A reclamación foi a pleno o 23 de decembro
de 2016, pero PP e VUP desestimárona sen unha reflexión profunda.
· En febreiro de 2017 comunicóuselle a
Mónica Ferro o resultado da votación anterior pero falseáronse os votos de
BNG-Asembleas Abertas.
· Dadas as condenas xudiciais previas, é moi
probable unha resolución negativa para o concello.
· Os argumentos defendidos polo avogado do
concello foron e son moi febles.
A actuación do goberno municipal ante esta situación é:
· Para este pleno tan importante, nin se
colocaron bandos de anuncio, nin se escolleu un horario axeitado a pesares da
petición expresa do BNG-Asembleas Abertas.
· Á oposición non se lle comunicou a
recepción de ningunha das sentenzas mencionadas.
· O BNG-Asembleas Abertas coñecemos das
sentenzas pola prensa e logo por vir a ver o expediente.
· Intento de ocultación por parte do goberno.
A preguntas nosas o alcalde dixo textualmente nun pleno anterior: “eu
non considerei necesario dicirlle aos veciños que chegara a notificación do
xulgado”.
· Falta absoluta de transparencia.
· Nós pedimos que antes de recorrer a
primeira sentenza, viñese o tema a Pleno, non se nos fixo caso e agora somos
condenados en costas. Avisamos antes de recorrer a sentenza que os argumentos
de defensa eran febles.
· Non se nos informou da sentenza dos
47.000€ nin da presentación do recurso posterior. NIN SEQUERA SE LLE INFORMOU AO SECRETARIO MUNICIPAL.
· Ocultouse información e tomáronse
decisións que empeoraron a situación.
· O alcalde realizou recentemente en prensa
unhas declaracións irresponsables que faltan ao respecto á intelixencia: “é un
duro golpe pero agora toca apertarse o cinto”, xusto a mesma semana que
actúa a orquestra Panorama en Portas.
· Falseouse o resultado do pleno de 23 de
decembro de 2016 co noso voto.
BNG-Asembleas Abertas esixe a asunción de responsabilidades:
· Pedimos a dimisión de Roberto Vázquez
Souto como concelleiro.
· O concello non pediu desculpas, nin
sequera houbo declaración de repulsa cando se produciu a agresión, ...
· A condena de 184.000€ ten natureza
punitiva e de aplicación personalísima, logo debe reclamárselle a Roberto Vázquez
Souto.
· Reclamamos tomar accións legais con base
legal en:
§ Artigo 78 da lei de bases de réxime local:
“1. Os membros das Corporacións locais
están suxeitos a responsabilidade civil e penal polos actos e omisións realizados no exercicio do seu
cargo. (...) 3. As Corporacións locais poderán esixir a responsabilidade dos
seus membros cando por dolo ou culpa
grave, teñan causado danos e
prexuízos á Corporación ou a terceiros, se estes houberan sido indemnizados por
aquela”.
§ Artigo 225 do regulamento de organización,
funcionamento e réxime xurídico das Entidades Locais: “As entidades locais poderán instruír expediente, con audiencia do
interesado, para declarar a responsabilidade civil das súas autoridades,
funcionarios e dependentes que, por dolo, culpa ou neglixencia graves, tiveran
causado danos ou prexuízos á Administración ou a terceiros, se estes houberan
sido indemnizados por aquela”.
· Concorren todas as circunstancias
necesarias para reclamar responsabilidade civil a Roberto Vázquez: omisións realizadas no exercicio do seu
cargo, culpa grave e danos e prexuízos causados ao concello.
· As dúas sentenzas de recargo de
prestacións acreditan a existencia de omisións
e pasividade en materia de riscos laborais por parte do Alcalde, que é o xefe
de persoal e con competencias exclusivas en materia de riscos laborais.
Produciuse infracción da normativa en
materia de riscos laborais con pleno coñecemento.
· A sentenza do Tribunal Superior de Xustiza
de Galicia acredita que o alcalde incorreu en culpa grave pois entendeu xustificado aplicar o 50% de recargo de prestacións,
que é o máximo legal, ao constatar que existiu unha “meridiana inactividade ou pasividade da empregadora”.
· Evidentemente existen danos e prexuízos para o Concello de Portas.
· Outro incumprimento grave da normativa
laboral por parte do exalcalde con dano grave para o Concello de Portas é ter
que aplicar o convenio colectivo da construción e non ter concertado o seguro obrigatorio
de convenio.
O que se agocha detrás deste
feo asunto é a forma de entender a política e de exercer o poder de Roberto
Vázquez e do Partido Popular. O cacique omnipotente que quere impor o seu
criterio na adxudicación das axudas RISGA, desautorizando á asistenta social
diante dos usuarios de asuntos sociais e desprotexéndoa con pleno coñecemento
fronte ás ameazas que sufría, un risco que era previsible e puido terse
evitado. E cando se descubre o escándalo, a única preocupación do Partido
Popular e de Víctor Estévez é tratar de ocultalo e de protexer aos seus
compañeiros de partido.