7 de ago. de 2017

Obras sen licenza na Reitoral da Igrexa de Portas

O Alcalde de Portas non adopta as medidas necesarias para facer cumprir a paralización das obras do contorno da igrexa de Portas e a promotora segue atentando contra o patrimonio público
O BNG denuncia ante o Concello de Portas a desfeita que se está a producir no entorno protexido da Igrexa de Santa María de Portas.
Dende hai semanas estanse a realizar movementos de terra e, en concreto, no terraplén que descende do muro perimetral que rodea a Igrexa parroquial, chegando xa esta a unha distancia inferior a 30 metros, cando a Igrexa ten unha protección patrimonial de 100 metros, a contar dende este valo.
Apesares do expediente incoado polo Concello a partir da denuncia do BNG, de forma telefónica, o día 14 de xullo, a empresa proseguiu co rebaixe do noiro de forma continuada achegándose  ao muro do adro do Cemiterio Parroquial, poñendo en grave perigo tanto á Igrexa como ao valo de Cemiterio –se non o puxeron xa--, incumprindo pois toda a Lei e normativa ao respecto.
O que aí se está a facer supón unha grande  agresión e un grave atentado ao patrimonio cultural de Portas, cuxa construción remóntase ao século XII, polo que se trata da máis importante construción que hoxe conserva esta parroquia, histórica pegada da Idade Media; a gran xoia arquitectónica que conservamos. Construción única e singular, polo que merece un especial coidado e protección por parte dos seus veciño e, sobre todo, por parte da administración pública.
O BNG entende que houbo deixamento por parte da alcaldía, xa que a pesares de que as obras ilegais se divisan perfectamente dende as oficinas municipais sen levantarse da mesa, non se adoptaron as medidas cautelares para impedir a vulneración da paralización das obras por parte dos promotores, ben con medidas coercitivas ou trasladando os feitos ao Ministerio Fiscal para a depuración das responsabilidades penais a que puidera dar lugar o incumprimento.
O BNG entende que a actitude do alcalde de deixar facer e mirar para outro lado, ben por desidia ou por conivencia, está a provocar unha situación que en dereito chámase “actos consumados de modo irreparable” o que pode supor que o alcalde teña incorrido nun delito de prevaricación.







Ningún comentario: