O PP nega os dereitos democráticos da oposición
Para mañá venres 27 de outubro están convocados dous
plenos da corporación municipal de Portas cunha diferenza de 15 minutos entre
eles. O primeiro ás 19:15 h. é extraordinario solicitado polo BNG-Asembleas
Abertas para demandar explicacións polas obras ilegais realizadas na contorna
da igrexa de Santa María de Portas, e o segundo ás 19:30 h. é ordinario e
completamente baleiro de contido.
O alcalde négase a dar explicacións por tardar 22 días en
paralizar unhas obras sen licenza nun entorno protexido e pretende liquidar en
15 minutos o pleno extraordinario onde esixiremos explicacións convincentes ou
a súa dimisión. O BNG-AA pregúntase que trata de ocultar o alcalde dilatando a
paralización dunhas obras manifestamente ilegais e sobre as cales nin tan
sequera adoptou medidas cautelares como esixían os técnicos municipais?
En canto ao pleno ordinario
o Partido Popular continúa coa súa estratexia planificada dende inicio de
lexislatura de negar todo dereito político ao noso grupo municipal. O talante sectario
e antidemocrático do goberno municipal tradúcese no incumprimento sistemático dos
acordos plenarios, non convocando a “comisión informativa de asuntos a tratar
polo pleno”, negándose a responder calquera pregunta plenaria da oposición, excluíndo
da orde do día dos plenos as mocións da oposición presentadas en tempo e forma
e reducindo á mínima expresión os plenos ordinarios ata o punto de que os
únicos puntos sometidos a votación son a aprobación de actas de sesións
anteriores. O debate é unha utopía e calquera indicio de transparencia unha
quimera, ata o punto de que incluso o alcalde decidiu prescindir dun punto tan
inocente como “informes da presidencia”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario