O venres 26 de decembro celebraranse dous plenos na casa do concello, o primeiro Extraordinario ás 14:00 h. e o segundo Ordinario ás 14:50 h. coas seguintes ordes do día:
Pleno Extraordinario (14:00 h.) solicitado polo grupo municipal do BNG:
Punto único: Solicitude de novo trámite de información pública do Plan Xeral de Ordenación Municipal.
Pleno Ordinario (14:50 h.):
Aprobación acta sesión anterior.
Coñecemento resolucións alcaldía.
Rogos e preguntas.
Unha nova "tomadura de pelo" por parte do goberno municipal ex-PP.
O BNG solicitou a convocatoria dun pleno extraordinario, facendo uso dos seus dereitos, para pedir que se volva a expoñer publicamente o PXOM antes da aprobación provisional, debido ás importantes modificacións introducidas polo goberno municipal en datas recentes. Sen embargo, é a alcaldía a que establece o día e a hora de celebración dos plenos. Convocar un pleno extraordinario dun asunto de tanta transcendencia para a vida cotiá da veciñanza como é o PXOM ás 14:00 h. é unha falta de respecto á oposición e aos veciños e veciñas que representan.
O pleno ordinario que se celebra por imperativo legal (senón o goberno municipal xa nin o faría) está convocado ás 14:50h., logo teñen intención de liquidar o extraordinario pola vía rápida, é dicir, impoñer a súa maioría absoluta sen debate e sen explicacións. Ademais o pleno ordinario foi baleirado completamente de contido, nunha nova falta de respecto pola oposición á que se ningunea, como se non houbese infinidade de temas que tratar nos plenos, que lembramos, son o máximo órgano de representación da veciñanza.
Se alguén desexa que lle transmitamos ao goberno municipal algún rogo ou pregunta, estaremos encantados de facelo.
Dende o BNG de Portas aproveitamos para felicitarvos as festas e desexarvos un bo ano 2015.
O grupo municipal do BNG de Portas ven de presentar no rexistro do concello a solicitude dunha reunión extraordinaria do pleno da corporación para demandar información e un novo período de exposición pública do PXOM.
O documento de
PXOM (aprobación inicial de 30 de
agosto de 2013), foi modificado substancialmente tralo trámite de exposición
pública de finais de 2013 con cambios de clasificación e usos do solo,
tipoloxías edificatorias permitidas, tamaño mínimo de parcela e delimitacións
dos núcleos rurais, entre outros. Estes cambios esixen, segundo a lei do solo
de Galicia, que antes da aprobación
provisional se abra un novo trámite de información pública.
Ademais, é
inxustificable que aínda non foran corrixidos os erros detectados na
cartografía, no parcelario, no catálogo de patrimonio ou na memoria.
Antóllase case
imposible reconducir un documento mal ideado e carente de toda participación veciñal
na súa redacción, pero cando menos é a nosa obriga limitar a indefensión
causada nos veciños e veciñas que observan indefensos como o documento exposto
publicamente non ten parecido algún co que se pretende aprobar
provisionalmente.
Por outra parte,
nos case seis anos de elaboración do PXOM, o equipo redactor non mantivo
ningunha reunión informativa coa corporación municipal, a pesares das múltiples
solicitudes formais do grupo municipal do BNG. O veto expreso do grupo de
goberno (ex-PP) impide que a oposición se poida reunir co equipo redactor.
O grupo nacionalista de Portas demanda abrir un novo
trámite de información pública do PXOM con anterioridade á aprobación
provisional e manter unha reunión informativa co equipo redactor para que este
explique e motive os cambios introducidos despois da aprobación inicial.
O grupo nacionalista de Portas presentou o 31 de outubro no rexistro do concello unha moción para reclamar un novo "trámite de información pública" do PXOM con anterioridade á aprobación provisional polo Pleno municipal.
O apartado 8 do artigo 85º (Procedemento de
aprobación do plan xeral) da lei 9/2002 de Ordenación urbanística e protección
do medio rural de Galicia di: “No caso de
que pretendan introducirse, no momento da aprobación provisional polo pleno
municipal, modificacións que signifiquen un cambio substancial do documento
inicialmente aprobado, pola adopción de novos criterios respecto da
clasificación e cualificación do solo, ou en relación coa estrutura xeral e
orgánica do territorio, abrirase un novo trámite de información pública con
anterioridade ao referido acordo do pleno municipal e da remisión da
documentación oportuna á consellería para resolver sobre a súa aprobación
definitiva”.
O documento do PXOM foi modificado substancialmente
trala aprobación inicial. Entre os cambios máis representativos pódense
enumerar os seguintes:
modificación
completa na clasificación e cualificación do solo, así como tipoloxías
edificatorias permitidas, na zona da Estación-Azucreira (Portas),
modificación
na clasificación e cualificación do solo na zona de Couto-Costa (Romai), coa
eliminación do solo urbanizable non delimitado de uso industrial SUND-01,
modificación
do tamaño mínimo de parcela no solo de núcleo rural común e de núcleo rural
histórico-tradicional, ou
modificación
das delimitacións da maioría dos núcleos rurais.
A pesares dos múltiples cambios, non se corrixiron
moitos dos numerosos erros detectados e denunciados na cartografía, no
parcelario, no catálogo de patrimonio ou nos diferentes documentos que integran
o PXOM. Tamén se persiste na falta de coordinación cos procesos de
concentración parcelaria nas parroquias de Briallos e Romai.
O grupo municipal do BNG considera que, á vista
dos numerosos e profundos cambios habidos no documento de PXOM dende a súa aprobación
inicial, é necesario un novo trámite de exposición pública, especialmente tendo
en conta a falta de participación veciñal durante o proceso de elaboración do
PXOM por intención expresa do goberno municipal. De non abrirse un novo trámite
de información pública estaríase a causar desprotección nos veciños e veciñas que
observan indefensos como o documento exposto publicamente non ten parecido
algún co que se pretende aprobar provisionalmente.
O grupo nacionalista de Portas demanda ao Pleno municipal a abrir un novo trámite de información
pública do PXOM con anterioridade á aprobación provisional.
O grupo nacionalista de Portas presentou o venres 31 de outubro no rexistro do concello unha moción para reclamar unha reunión informativa do Pleno municipal co equipo redactor do PXOM.
En novembro de 2008 a Consellería de Política
Territorial sacou a licitación os traballos para realizar o primeiro plan xeral
de Portas. A empresa adxudicataria foi “Oficina de Arquitectura, Urbanismo y
Planificación” (OAU), en diante “equipo redactor”, asinándose o contrato na
Casa do Concello de Portas o 12 de marzo de 2009. O prazo de execución máximo estableceuse
en 38 meses.
Entre marzo de 2009 e agosto de 2014 foron
numerosas as ocasións en que o grupo municipal do BNG solicitou nas sesións
ordinarias do Pleno municipal manter unha reunión informativa entre todos os
grupos municipais con responsables do equipo redactor para coñecer os
procedementos de traballo e ter información de primeira man sobre o proceso de
elaboración do PXOM.
O grupo de goberno vetou e veta toda posibilidade
de reunión entre os grupos da oposición e o equipo redactor, mostrando a súa
faciana máis antidemocrática.
O grupo nacionalista de Portas reclama ao Pleno municipal a instar a
responsables da empresa OAU (Oficina de Arquitectura, Urbanismo y
Planificación) a manter unha reunión informativa co Pleno municipal durante o
mes de novembro de 2014.
Temos á venda lotaría do nadal, se alguén está interesado/a podedes poñervos en contacto persoalmente con calquera dos membros do grupo municipal do BNG de Portas, ou a través do noso correo electrónico, blog ou páxina de Facebook.
O Goberno Municipal como "polo sen cabeza" co PXOM
Dende que en novembro de 2008 a consellería de Política Territorial do goberno de Touriño sacara a licitación os traballos de redacción do primeiro plan xeral de Portas,
o BNG ven demandando manter unha reunión de toda a corporación co equipo
redactor, a última ocasión formal foi no pleno do pasado mes de agosto, sen
embargo, nunca se chegou a producir ante a negativa expresa do alcalde. Na máis
pura ditadura democrática, para o rexedor non é suficiente con impor o seu
criterio senón que nega toda posibilidade de información, diálogo ou debate.
Postos en
contacto directamente co equipo redactor, este tamén se negou a manter unha
reunión. Mentres ao grupo municipal do BNG se lle nega a información,
demostrando pouco respecto polos veciños e veciñas que representa, observamos
estupefactos como o equipo redactor si se reúne en varias ocasións cos
propietarios de terreos na Estación-Azucreira.
No informe
sobre as alegacións ao PXOM que o equipo redactor entregou no concello en xuño
pasado sorprende que se chegue a cualificar as alegacións do BNG como
documentos faltos de rigor por non aportar datos concretos dos erros denunciados,
cando o documento polo que o equipo redactor leva cobrados case 100.000€ está
cheo de erros, cando non mentiras, como por exemplo que houbo participación
veciñal, que hai 10 cemiterios en Portas, que hai afeccións polo corredor de
AVE Ourense-Vigo, que as fichas dos núcleos ou o catálogo de patrimonio non concordan
coa realidade, que os cifras non coincidan entre os distintos anexos, … ou
aparezan afirmacións maliciosas como que o río Umia “non representa ningún risco de inundación a día de hoxe ó atoparse
embalsado” cando de sobra son coñecidos os desbordes habituais. Quizais a
intención do equipo redactor sexa que a oposición faga o traballo polo que eles
cobran, ou que revise o que o goberno municipal non revisa antes de dar orde de
pago.
O PXOM
modificado coas alegacións veciñais nada ten que ver co que se expuxo
publicamente. Desaparecen os edificios na Estación-Azucreira, elimínase o
polígono industrial na Costa-Tarrío, redúcese o tamaño mínimo de parcela nos
núcleos rurais,… Polo tanto, o BNG
considera absolutamente necesario un novo período de exposición pública e de
alegacións.
Nos 22 anos de
alcaldía de Roberto Vázquez (20 no PP) nunca tivo interese por regular o
urbanismo porque iso lle reportaba réditos electorais, sen embargo, agora
mostra unhas présas desmedidas por aprobar un PXOM antes das vindeiras
eleccións municipais, aínda que como el mesmo afirma, sexa un mal PXOM.
Non houbo
participación veciñal, non houbo diálogo coa oposición, ocultouse información,
o rolo da maioría absoluta esmagou as voces críticas e no cumio do despropósito, o alcalde presentou alegacións ao documento
que el mesmo impuxo. E agora, ante a masiva presentación de alegacións e as
protestas veciñais recúa como polo sen cabeza, prometendo o que ten e o que non
ten ante a proximidade das eleccións.
O grupo nacionalista de Portas demanda un novo
período de exposición pública e unha reunión co equipo redactor para tratar de poñer
un mínimo de orde no proceso de elaboración do PXOM.
O BNG de Portas edita un novo boletín informativo (Nº 11 # 2ª etapa # Outubro de 2014), que comezará a repartirse polas casas de Portas nos próximos días.
PXOM: Como polo sen cabeza
O BNG esixe información e un novo período de exposición pública
O domingo 21 de setembro ás 12:00 h. celebrarase unha asemblea no local da antiga cámara agraria de Portas.
Asuntos a tratar:
- PXOM. Información sobre resposta ás alegacións.
- Convocatoria de asemblea aberta en Portas.
- Aprobación novo boletín informativo.
- Plan de traballo.
Como sempre están convidad@s tod@s @s simpatizantes e amig@s.
Unha definición curta e simple de "recoñecemento extraxudicial de crédito" é "o mecanismo legal para pagar facturas polas que se contraíron obrigas sen consignación orzamentaria", ou en linguaxe máis común: "mecanismo para pagar facturas no caixón de cousas ou servizos que o alcalde mandou comprar pero sen ter os cartos para pagalas".
O próximo sábado 30 de agosto o BNG de Portas celebra unha comida-xuntanza na Illa de Cortegada.
Cada un leva a súa comida e a súa bebida e logo alí compartimos. Tod@s @s amig@s do BNG de Portas estades convidad@s.
Quedamos no peirao de Carril a partires das 11:00h. O "barqueiro" terá que facer varias viaxes, así que non hai problema en chegar máis tarde (ás 12, 13h, ...).
O plan é darse un bañiño (os que queiran) na praia antes de comer. Despois da comida: sesta, paseo pola illa (45'), praia e desfrutar da compañía.
No caso improbable de que chovese, buscamos un sitio cuberto para comer e seguimos coa festa... o importante é xuntarse!
O venres 27 de xuño celebraranse dous plenos na casa do concello, o primeiro Extraordinario ás 11:00 h. e o segundo Ordinario ás 14:50 h. coas seguintes ordes do día:
Pleno Extraordinario (11:00 h.):
Único punto: Alegacións presentadas ao acordo de aprobación inicial do PXOM.
O venres 13 de xuño ás 14:50 h. celebrarase un pleno extraordinario na casa do concello coa seguinte orde do día:
1. Aprobación acta sesión anterior.
2. Orzamento municipal 2014.
Máis "cachondeo" municipal. O grupo de goberno ex-PP pretende aprobar os orzamentos do ano 2014 cando xa se consumiu a metade do ano, sen aprobar previamente a Conta Xeral de 2013 e sen convocar a Comisión Especial de Contas.
O grupo nacionalista de Portas presentará mañá no rexistro do concello unha moción para denunciar o forte recorte nas axudas á adquisición de material escolar por parte da Consellería de Educación para o vindeiro curso académico, tal e coma se manifesta na Orde do pasado 28 de maio. Se nos anos anteriores as axudas estaban destinadas a adquisición de libros de texto, materiais curriculares e material didáctico e complementario, desta volta unicamente se permite a adquisición de libros de texto.
Obrigando ás familias, que pola súa situación económica reúnen os requisitos para percibir unha axuda (en Portas o paro alcanza o 50%), a asumir este vindeiro curso o custo económico da compra de dicionarios, cadernos de traballo, libros de lectura, ...
Esta Orde do 28 de maio pon en evidencia o fracaso da política educativa do Sr. Núñez Feijóo nos seus anos de goberno. Argumenta falsamente cando usa a desculpa da crise para cambiar o sistema de préstamo de libros do goberno bipartito, por un que supuxo un maior custo económico, beneficiando a un número menor de familias. Agora volve retomar a idea do banco de libros que no seu día rexeitou.
Estamos claramente diante doutro paso mais na política de empobrecemento sistemático das familias por parte dos gobernos central e galego, facéndonos responsables e pagadores dun malgasto de cartos do que son culpables e, veces abondo, beneficiarios.
O grupo nacionalista de Portas demanda ao Pleno Municipal a instar á Xunta de Galiza a garantir a gratuidade dos libros de texto e do material curricular no vindeiro curso académico.
O venres 25 de abril de 2014 ás 14:50 h. celebrarase un pleno ordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:
Lectura e aprobación acta sesión anterior.
Coñecemento resolucións da Alcaldía.
Rogos e preguntas.
Novamente lamentamos que por vontade do grupo de goberno os plenos ordinarios se teñan convertido en actos totalmente intrascendentes e baleiros de contido, malgastando os cartos dos contribuíntes e desprezando a labor da oposición.
O BNG presentou en tempo e forma unha moción en apoio á ILP da CIG de medidas para a creación de emprego en Galiza, pero non foi incluída na orde do día, demostrando unha vez máis que o uso abusivo da maioría absoluta converte a democracia nunha ditadura.
O grupo municipal do BNG de Portas ven de presentar no rexistro do concello unha moción sobre a proposición de lei, por Iniciativa Lexislativa Popular, de medidas para a creación de emprego en Galiza.
O texto da moción é o seguinte:
"MOCIÓN SOBRE PROPOSICIÓN DE LEI, POR INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR, DE MEDIDAS PARA A CREACIÓN DE EMPREGO EN GALIZA
A abaixo asinante María Teresa Rivas Buceta, concelleira do grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego no Concello de Portas, ao abeiro da lexislación vixente, presenta a seguinte MOCIÓN para o seu debate e posterior aprobación, se procede, polo Pleno Municipal,
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Desde o inicio da crise, diferentes movementos sociais están a defender todo un conxunto de propostas alternativas, orientadas a unha saída favorábel á clase traballadora galega e feita desde unha perspectiva de defensa dos intereses nacionais de Galiza, convencidos de que todas estas políticas de concentración e centralización da riqueza e do poder, aínda afonda moito máis no carácter colonial e periférico do noso país. Só desde alternativas feitas en función da nosa propia realidade social e económica, de reforzamento do noso autogoberno, da capacidade de decidir libremente en todas as materias, poderemos ofrecer alternativas que sirvan aos intereses das nosas clases traballadoras e que garantan un reparto equitativo da riqueza.
A central sindical Confederación Intersindical Galega (CIG) está a impulsar unha proposición de lei, por iniciativa lexislativa popular, con máis de cen medidas para a creación de emprego en Galiza. Na súa exposición de motivos da proposición de lei sinala o seguinte:
As medidas contidas nesta Lei axudarán a sentar as bases para un desenvolvemento económico e social máis sustentábel e suporían un aumento do emprego e unha mellora de dereitos sociais e da calidade de vida da maioría da poboación. A través doutra política fiscal, do incremento do gasto social e do investimento público, da creación de entidades financeiras públicas ao servizo da cidadanía e do noso tecido produtivo, de políticas que favorezan o emprego estábel, uns salarios dignos e postos de traballo en Galiza, contribuiremos a construír unha sociedade galega máis democrática, xusta, solidaria e humanizada, sustento da nosa identidade como pobo e piar da soberanía nacional á que aspiramos.
Outras vías son posíbeis e poden ser aplicadas. En primeiro lugar, a pesar de que a Xunta de Galiza e o Estado non poden utilizar a política monetaria, competencia exclusiva do Banco Central Europeo, si poden esixir que o dito banco compre débeda pública directamente aos Estados e CC.AA., así como usar a súa capacidade regulamentaria da actividade económica e os orzamentos públicos para tomar medidas extraordinarias en tempo de crise, xerando actividade económica directa en infraestruturas e servizos públicos, apoiando actividades económicas produtivas en sectores e unidades de produción directamente vinculadas á actividade económica e promovendo con capital público empresas en sectores estratéxicos da economía. É tempo de reivindicarmos a importancia social do público fronte ao privado, como forma de reactivar e incidir na orientación da economía en beneficio da maioría social e de garantir, en condicións dignas para toda a poboación, dereitos básicos como o ensino, a saúde, a enerxía, a pensión, a vivenda, o traballo ou a comunicación. Hai que rachar coas actuais políticas de recortes do investimento público, promovidas pola UE e o FMI, por non favoreceren a saída da crise, por seren contrarias á creación de emprego e por provocaren o empobrecemento e a exclusión social en amplos sectores da sociedade.
Galiza necesita autogobernarse, decidir sobre todo aquilo que precise para o seu libre desenvolvemento e para mellor defensa dos intereses da clase traballadora galega. Mantemos viva a reivindicación e a loita pola soberanía nacional porque consideramos que o actual marco xurídico, imposto pola Constitución e o Estatuto de Autonomía, é claramente insuficiente naquelas materias que máis afectan a traballadores e traballadoras. A Xunta de Galiza ten que asumir un papel activo na reivindicación, non só de todas as transferencias pendentes de desenvolver, senón de todas aquelas necesarias para un desenvolvemento económico e social do país, propio, integral e autocentrado, particularmente a capacidade lexislativa en materia de emprego, laboral, protección social, industrial, pesqueira, agraria, así como en política fiscal e financeira.
Galiza tivo tradicionalmente, e segue a ter, un grave problema para o seu desenvolvemento industrial e económico, que ten a ver coa relación de carácter colonial que mantén co Estado español, o que se transforma, por unha banda, en falta de competencias reais para definir o noso modelo económico, industrial e produtivo, e por outra, en que ese modelo sempre foi deseñado en función dos intereses de España e da oligarquía española e na actualidade en función dos intereses das grandes potencias económicas da UE e do seu capital financeiro. Isto implicou a existencia dun tecido industrial pouco desenvolvido, a presenza de moita industria de enclave, a destrución do noso sector primario e mesmo industrial en función de decisións tomadas polos gobernos españois ou pola UE, a apropiación por capital foráneo do noso excedente económico e un paro de carácter estrutural, maquillado na súa contía pola sangría da emigración.
Sectores como o naval, o agrogandeiro, o pesqueiro, o enerxético, o financeiro, etc., cun peso moi importante na nosa economía e básicos para o noso desenvolvemento económico e social, vense permanentemente limitados e reducidos no seu desenvolvemento como consecuencia de políticas do Goberno español e da UE, feitas desde a visión do centro do sistema e en función dos intereses dos estados e dos grupos económicos que controlan as políticas e as institucións europeas.
Nesta situación de crise, cunha forte caída do consumo e forte competencia exterior, é difícil que a iniciativa privada por si soa cree as condicións necesarias para saír desta, polo que lle corresponde ao sector público actuar como axente económico dinamizador. Cómpre, neste escenario, apostarmos firmemente por revitalizar o tecido produtivo e crear as condicións para xerar emprego, empezando por exixir do Goberno galego que rache coa súa política, de pasividade nuns casos e de complicidade noutros, diante da desfeita da base material do noso país, e non siga polo tanto contribuíndo coa súa actitude a acentuar o carácter dependente de Galiza e o seu papel de reserva de man de obra barata e de fonte de materias primas e de recursos económicos para o capital financeiro español.
Polo demais, calquera acordo en materia económica e de emprego, ten que basearse nun marco que abandone o paradigma económico neoliberal e asentarse nun cambio estrutural que conduza á organización e desenvolvemento dunha economía baseada no traballo produtivo e o papel regulador e estabilizador do sector público, para asegurar un desenvolvemento sustentábel, así como un reparto equitativo e xusto da riqueza.
É por isto que presenta esta moción e solicita o voto favorable do Pleno da Corporación municipal de Portas para a adopción do seguinte ACORDO:
Manifestar o apoio da Corporación Municipal á proposición de lei de medidas para a creación de emprego en Galiza que está a impulsar por iniciativa lexislativa popular a Confederación Intersindical Galega e dar traslado do mesmo á presidencia do Parlamento de Galiza, portavoces parlamentares e presidente da Xunta de Galiza.
Animar á veciñanza do noso concello a apoiar esta iniciativa lexislativa popular.".
O venres 28 de febreiro de 2014 ás 14:50h. celebrarase un pleno ordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:
1. Lectura e aprobación actas sesións anteriores.
2. Aprobación ordenanza municipal do servizo de axuda no fogar do Concello de Portas.
3. Aprobación ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servizo de axuda no fogar do Concello de Portas.
4. Coñecemento resolucións da Alcaldía.
5. Rogos e preguntas.