Víctor Estévez, que foi candidato do PP á alcaldía de Portas por mediación de Landín, négase a dar explicacións
O venres pasado, 27 de outubro, celebrouse na casa do concello
de Portas un pleno extraordinario solicitado polo BNG-Asembleas Abertas para tratar
de forma monográfica as obras sen licenza municipal nin a preceptiva
autorización previa de Patrimonio na finca da reitoral da igrexa de Portas. O
alcalde, Víctor Estévez, negouse a responder as preguntas do BNG-AA e rexeitou
dar explicacións por tardar máis de 22 días en paralizar unhas obras ilegais no
entorno protexido da igrexa románica de Santa María de Portas do século XII.
Por que non se fixo nada contra unhas obras tan visibles ata a
denuncia do BNG-AA? Por que a arquitecta municipal tardou 5 días en facer a
visita de comprobación dende a denuncia a pesares de que as obras se ven dende
as oficinas municipais? Por que se deixaron pasar 4 días, de luns a venres, dende
que o alcalde asinou a orde de paralización de obras ata que se lle comunica á
empresa? Por que non se tomaron medidas cautelares como impoñía o informe da
arquitecta municipal? Por que non se comunicou a orde de paralización ao
rexistro da propiedade como esixía o informe da Secretaría? Por que non se lle
comunicou a situación a Patrimonio como impón a lei 5/2016 do Patrimonio
Cultural de Galicia? Por que a empresa incumpre deliberadamente a orde de
paralización durante máis de 7 días e non ten consecuencias? Por que o alcalde
non pon en coñecemento da fiscalía o incumprimento da orde de paralización de
obras como suxire o informe da arquitecta municipal? Por que o concello
cualifica as obras de “reforma de muro de contención” cando non consta
solicitude de licenza por escrito e polo tanto non debería saber o que se
pretende construír? Por que o alcalde cualifica as obras de “reforma” cando o
que se pretende facer é un muro completamente novo e distante moitos metros do
preexistente muro de cachotes?
As obras estanse realizando nunha propiedade do Arcebispado de
Santiago que ten alugados os terreos para crear unha plantación de viñedo á
empresa “Explotación Ría de Barosa S.L.”. O administrador único de dita empresa
dende que se constituíu o 26 de febreiro de 2007 e ata o 10 de outubro de 2017
foi José Antonio Landín Eirín, exalcalde do concello veciño de Barro durante
case tres décadas (fonte:
Infoempresa.com). Casualmente Landín cesou como
administrador único da empresa ao día seguinte de rexistrar o BNG-Asembleas
Abertas a solicitude de pleno extraordinario, cese que foi publicado no boletín
oficial do rexistro mercantil de 19 de outubro de 2017 (Borme
Pontevedra 19-10-2017).
José Antonio Landín, veciño de Briallos, parroquia natal de
Estévez, presume de ser o responsable de influír neste para que encabezase a
lista do Partido Popular en Portas nas eleccións municipais de 2015.
Atopámonos ante un novo episodio de trato de favor do Partido
Popular a un compañeiro de partido.
O BNG-Asembleas Abertas esixe
a dimisión de Víctor Estévez polo trato de favor cara o seu mentor político
José Antonio Landín, a reposición da legalidade urbanística e que os feitos se
poñan en coñecemento dos organismos competentes para dirimir as
responsabilidades que puider dar lugar por esta desfeita en terreos protexidos.